Opinión

Selo ou parecelo?

Nos tempos nos que andamos semella que comeza a abrollar a preocupación pola construción que os medios fan da realidade que nos rodea. Non é para moitas unha gran sorpresa ver como se manipulan as expresións de fastío de certos colectivos, como se glorifica e dá espazo a outros con total impunidade. Porén, sería boa cousa botar a vista un chisco máis en profundidade para comprender que este fenómeno ten raíces sociais que moitas levamos padecendo tempo.

Porque o certo é que se hai un sistema produtor de bulos e creador de realidades paralelas, ese é o patriarcado. Na vida dunha única muller, a miña sen ir máis lonxe, pode repetirse unha e outra vez o mesmo proceso de demonización. Dende o adolescente que me maltrataba no instituto no que a tola era eu ata señores que protestan por un curso que vou impartir nunha asociación profesional sen dicir en público, pero si en privado, que o problema é... que o dea eu. Igual que pasa cos medios, a mensaxe agóchase nunha especie de “discurso neutro” onde as tolas e esaxeradas somos sempre outras. Ese discurso baséase sempre en difundir falsidades con respecto á muller en cuestión e repetilas e amplificalas alá por onde se pasa. Con frecuencia, e non é este un dato menor, en contextos onde a imaxe ten relevancia, como o laboral ou o xudicial. Cando se fala das dificultades de acceso das mulleres ao traballo poucas veces pensamos en como todos estes comportamentos pechan portas (mesmo as da Academia). Neste marasmo repetitivo, cómpre lembrar tamén que non todas chegamos ao escarnio público-privado cunha carreira sólida detrás, cunha visibilidade que nos permita falar ou cun certo carácter de resistencia. Moitas quedan polo camiño.

A diferenza dos discursos abertamente machistas, lesbófobos, racistas, tránsfobos, este tipo de comportamentos están totalmente normalizados e reificados, ata o punto de que o problema acaba sendo non a súa misoxinia, senón sinalala. Por iso o primeiro traballo que temos, fronte aos subterfuxios, falsidades e estratexias destes machistas insistentes e ocupados en espallar merda por onde pasan é desfacer a cortina na que pretenden envolvernos. E iso facémolo cada día reducindo a súa área de actuación, desfacéndolles os mundos paralelos e apoiando aquelas que recibimos, no público e no privado, os seus comportamentos. Porque ante as súas aparencias malintencionadas, nada hai máis poderoso ca os feitos.

Comentarios