domingo 11/04/21

A revolución televisada

Admito que ía escribir a columna desta semana doutro tema, mais a revolución que supuxo a emisión do inicio da serie documental sobre Rocío Carrasco impídeme pensar neste momento noutra cousa. Para as que vivimos ou acompañamos mulleres vítimas de violencia de xénero, o relato de Rocío Carrasco é coñecido. Coñecemos os mecanismos dos maltratadores: primeiro illar as vítimas de calquera apoio; segundo, destruír sistematicamente a súa imaxe e terceiro, o uso de menores no proceso de vilificación da vítima. 

Nese camiño, as mulleres acabamos sendo as estrañas, as que fan “cousas raras”, as malas mais que con frecuencia o único que buscan é protexer as menores, reducir o nivel de violencia, traer algo de paz a unha vida de permanente medo e agresión fóra da vista da xente. O patriarcado constrúe fantasías que impiden que se vexa a realidade inenarrable do día a día de tantas mulleres.

Calquera persoa, insisto, que coñeza un chisco o tema sabe que o maltrato comeza con minar a autoestima, con humillacións pequenas que logo se van facendo máis grandes, con ameazas que se tornan monstruosas cando hai menores de por medio, por inculcar nestes os mesmos maltratos ás mais se non hai quen se interpoña e reconduza o proceso. Todo este proceso nútrese da culpa que as propias mulleres sentimos ao atoparnos nesa situación e que se reifica con cada dedo acusador.

Que estes relatos cheguen a nós a través do espectáculo da prensa rosa debería facernos pensar no porque. En que lugar poden/podemos falar para sermos escoitadas? Os estudos dinnos que as mulleres e menores falamos, mais non hai escoita. Fallan a xustiza, os servizos de apoio e a sociedade en xeral que, non o esquezamos, está inzada de maltratadores. Eles controlan os medios que producen o relato. Por iso cada vez que unha fala, sobre todo cando se ten prominencia pública, o que fai é abrir un proceso de catarse para as demais.

Sen Ana Orantes, sen Carmina Ordóñez, sen Leli Céspedes non habería Lei de violencia de xénero. O sacrificio que supón romper o silencio para elas ten que ensinarnos a aprender a desconfiar do relato adquirido, a comprender os condicionantes, os comportamentos e a gardar a empatía que tan fácil nos sae cara aos maltratadores para as vítimas. Usemos a súa coraxe de poñer o privado no público para continuar na reconstrución do relato, na verdadeira revolución, que desta volta si está sendo televisada.

comentarios