Opinión

Responsabilidade institucional

Non é un fenómeno infrecuente, por desgraza. Por veces, por descoñecemento das partes implicadas, a miúdo con total coñecemento, institucións que se supón que deben defender unha serie de valores que contribúan á cohesión social e ao respecto dos dereitos humanos das persoas que as integran deciden converterse en altofalante de quen practica exactamente o contrario. Referireime hoxe ás universidades, e mais en concreto á de Vigo, que acaba de recibir un merecido tirón de orellas por parte dun grupo de persoas, entre as que me inclúo, por convidar (dende a Unidade de Igualdade, para máis agravio), unha das moitas axitadoras tránsfobas do estado español (que finalmente non puido asistir, mais ese non é o tema).

Fronte ao falaz discurso da "liberdade de expresión" cómpre contrapoñer o da responsabilidade institucional. Os límites da liberdade de expresión son os dereitos humanos, todo o que vaia alén deles é violencia cara a persoas e colectivos que xa están en situacións de vulnerabilidade. No caso concreto das persoas trans, a súa propia existencia ponse en dúbida de maneira constante, son tratadas como mero obxecto de debate. As cifras sobre os asasinatos e violencias que padecen as mulleres trans son de fácil consulta para calquera cun mínimo de interese, rigor científico e xa non digamos empatía.

Na comunidade universitaria da UVigo, na que tanxencialmente me inclúo como antiga alumna, doutorada e aínda partícipe sen vinculación académica nin salarial no Feminario de Investigación Teorías e Resistencias e no Programa de Doutoramento de Tradución e Paratradución, somos moitas as persoas LGBT que non merecemos este trato. Tampouco merecemos outros tratos como mulleres ou persoas racializadas ou con discapacidade. Por iso cómpre o exercicio de responsabilidade que a institución nos debe poñendo en marcha mecanismos de decisión de actividades cos colectivos concretos, de xeito que se minimice o dano que persoas individuais poidan provocar coas súas decisións.

A maiores, eu formeime como feminista na UVigo, foi aí onde, grazas á profesora Belén Martín Lucas, puxen teoría á arela informe que sentía por contribuír a un mundo máis xusto, crítico con todo tipo de poder e empático cara ás que están máis nas marxes. Por iso, que esta institución en concreto difunda transfobia me doe e entristece como o peor que nos podía pasar como comunidade universitaria.

Comentarios