Opinión

Dicotomías de salón

Dun tempo a esta parte veño detectando unha curiosa oda á fraxilidade. Semella que dar mostras de ter sentimentos adquire un valor desaforado que, algo parello aos motivos do wellness e cuncas de Mr Wonderful, se gaba día si e día tamén. Temos dereito a ser vulnerables, a falar de sentimentos, enfermidade mental, presión. E penso eu, madía leva! Non son todas estas cousas parte da experiencia humana?

Esa oda ten tamén a súa outra cara, a de traducir por defecto que as persoas percibidas como fortes están aí para resistilo todo, que non precisan coidado. Na miña experiencia, ese afán por xustificar comportamentos coa escusa da fraxilidade e vulnerabilidade agocha formas de violencia nas que autodenominarse "sensibles", "fráxiles" ou "vulnerables" acaban sendo xeitos de mazar sen fin noutras persoas, desempeñando con pericia o papel de vítima para manipular e comunicarse de xeitos chantaxistas ou, simplemente, enredantes.

Estas dicotomías aparecen de novo a raíz da decisión de Simone Biles de retirarse das Olimpíadas. Sobra dicir que se Biles toma esa decisión é porque ela é quen mellor sabe o que lle convén. Como deportista profesional entende ben os riscos de facer algo tan complicado para o corpo como saltar e xirar no aire a unha potencia endiañada sen ter control absoluto. Hai quen esquece que unha mala caída no seu deporte deixa a unha persoa parapléxica, ou produce a morte. Mais, ben, as decisións das mulleres semellan estar aí para que os homExplicadores habituais se dediquen a poñerlles as puntillas.

Mentres se debate se a decisión de Biles foi valentía ou febleza, dilúese o debate necesario da desigualdade e do privilexio. As persoas somos entes complexos, non estamos sempre igual no noso estado de ánimo ou de estabilidade mental (esa é unha ficción patriarcal do suxeito inalterable que non contribúe a nada na vida). Tampouco todas partimos das mesmas bases nin moito menos reaccionamos das mesmas formas. Hai persoas que, coas mesmas bases e ante os mesmos problemas actúan de xeitos radicalmente opostos. Polo tanto, se cadra é máis produtivo empezar por respectar as decisións que as persoas toman nun contexto profesional como válidas e visibilizar o contexto que as fai "difíciles". Porque tanto debate sobre fraxilidades ao final o único que fai é dar pé a quen non quere manter este tipo de conversas difíciles e prefire seguir con dicotomías de salón.

Comentarios