Opinión

Referentes

Se hai algo que caracteriza a reflexión teórica e a práctica feminista son as consideracións sobre quen ten a voz, a quen se lle permite falar e onde, que modelos presentamos como referentes, onde se atopan os puntos cegos. Os feminismos son unha reflexión sobre as estruturas de poder e sobre como a sociedade constrúe centros e periferias para o beneficio final dunha identidade definida como masculina, branca, de clase media e cisheterosexual. Mais non é ese un proceso en liña recta, está matizado e traspasado por múltiples vectores. Dende a orientación sexual á clase, pasando por suposto pola identidade de xénero e a “raza”, as fronteiras do poder van tomando moitos matices. Sabemos que o colectivo “mulleres” non é nunca un grupo homoxéneo, pois dentro del existen numerosas tensións de poder.

Hai pouco traducía para a editorial Hugin e Munin A nosa Negra (1859), de Harriet E. Wilson. É este un texto do que se poderían destacar moitas cousas, mais seguramente a máis interesante no momento actual sexa a violencia que moitas mulleres brancas exerceron tradicionalmente sobre as mulleres negras para o beneficio delas e dos homes brancos. A protagonista da novela narra de xeito vivo e doloroso o maltrato brutal da súa “ama” e da filla desta que cómpre reler dende o presente.

Cando pensamos dende os feminismos, cando buscamos as nosas referentes, non podemos negar estas historias. Vémonos obrigadas a afrontar que hai posturas que non collen na definición dun feminismo total, de mirada envolvente (interseccional, como dicimos agora) con respecto a todas as desigualdades. Por iso podemos recoñecer os traballos de certas mulleres como Emilia Pardo Bazán ou Laura Freixas en certos contextos pero non podemos ter de referentes autoras que desprezaron as mulleres labregas, as xitanas, o galego, as compañeiras catalás, as mulleres trans. Porque cando pasamos por alto as violencias das brancas pero non celebramos a Ana Peleteiro ou a Trisha Fernández como galegas se cadra estamos mirando cara a onde non debemos

Cómpre repensar a quen damos a palabra e en nome de quen a tomamos. Porque dentro dos feminismos podemos estar en desacordo en moitas cousas, pero no momento en que nos poñemos do lado dos agresores (por exemplo, difundindo astracanadas de odio contra o colectivo trans ou ríndolles as grazas aos acosadores doutras compañeiras no Twitter) se cadra máis que estar dentro estamos fóra.

Comentarios