Opinión

Redefinir o verán

Se ollamos ao noso arredor, concluiremos axiña que o verán significa praia e sol, viaxes, reencontros familiares, a pausa “merecida” despois de tantos meses de traballo. A diferenza de calquera outra estación, o verán está construído socialmente como ese espazo no que hai unha obriga de se divertir, de estar fóra, de poñerse morena, de facer certos excesos (deitarse tarde, beber, comer). É unha especie de antroido capitalista antes de regresar á austeridade do mal tempo.

Dende sempre, teño unha relación problemática con esta estación do ano, e non por estar en contra de que a xente se divirta. Para empezar, dende o ano 94 son estes os meses, por baixada da carga de traballo, que aproveito para marchar, compartir tempo coas compañeiras de Támil Nadu, de Etiopía, de Haití ou das Filipinas. Nestes momentos, fáltame a súa compaña, sobre todo tendo en conta as circunstancias que se viven en todos estes países pola Covid-19 e/ou pola situación política insufrible.

Unha das cousas que aprendín desa ausencia reiterada de décadas, ademais de perder a canción do verán ou os programas especiais da televisión, é que o verán é un concepto occidental capitalista de magnitudes insondables. Para empezar, en ningún dos países que acabo de mencionar existe nin como estación nin como concepto.

Non existe esa capa que agocha que, coronavirus ou non coronavirus, hai que exercer todas esas actividades para “aproveitar” o “bo tempo”, mesmo se este significa cada ano máis desertificación, incendios, perdas na agricultura de subsistencia. Ademais, por debaixo de todo ese ocio e desenfreo hai unha masa inxente de persoas en traballos precarios que non van á praia nin gozan de descanso, ao contrario: teñen que facer agora, nunca mellor dito, o agosto.

Por debaixo das noites de festa e dos días de praia hai moitos corpos que nin sequera son considerados humanos, coma o de Eleazar Blandón que caeu morto hai nada polas condicións de traballo, ou os das traballadoras migrantes en todos os sectores. Cando estabamos no confinamento (insisto novamente, alguén lembra?) había un gran debate sobre quen recollería dende os espárragos ata os pexegos. Mais agora comprobamos que xente para traballar hai sempre. O que non hai é humanidade. Para cando para as traballadoras migrantes un verán? Un descanso? Uns dereitos humanos? Ata que nós non definamos a nosa comodidade, non haberá verán realmente para ninguén.

Comentarios