Opinión

Recuperar a subversión

Se hai unha época do ano que dende sempre me apaixonou, esa é o Antroido. Con só mencionar a palabra, vénseme un sorriso ao rostro ante a fortuna de combinar diferentes espazos e tradicións, dende os farrapos cos que me vestía a miña avoa, o cortizo queimado co que me tisnaba a cara o meu avó de Becerreá aos historiados disfraces (non podo esquecer o de "Naranjito") que miña mai cosía para a escola. Durante os anos que o meu pai, o antroideiro maior, viviu na Pontenova, tamén a lembranza das chocolatadas e de que nos abrisen a discoteca, a Xolda, só para a cativada. Naquela pequena vila, as comparsas formábanse e todas as persoas, homes e mulleres, cosían, argallaban, ideaban. Era de sempre o Antroido o momento de rachar as normas sociais e de xénero, as mulleres facíanse homes, os homes mulleres, as nenas animais, os animais persoas. Eran estes Antroidos nada turísticos, nada espectacularizados, a festa e a subversión herdada e compartida.

Se cadra por esta historia persoal, mesmo sen a parte comunitaria que marca outros lugares de forma senlleira, en particular na provincia de Ourense, dende sempre me deixaron estupefacta as divisións de disfraces por xéneros, algo que coñecín xa na vida adulta, pois mesmo de adolescente o que nos prestaba era disfrazarnos de Son Goku, de momias, de ladroas, poñer enriba calquera farrapo. A sexualización de todas as profesións ignoro de onde procede, pero nunca lle entendín o lugar. Tampouco a importación doutras tradicións que non teñen nada de malo, mais que só atopan o seu sentido no espazo que as produciu, igual ca as nosas.

E para min, o Antroido foi sempre a subversión das categorías, unha lección para a vida, un vivir sen complexos. O Antroido é, ademais, fonte de convivencia, de encontro e de coñecemento. Por iso a semana pasada, cando tiven a fortuna de visitar un centro de ensino na Estrada, sentinme moi honrada de compartir por primeira vez un "atranque" na tradición de Xenerais da Ulla. As crianzas que participaron declamaron estrofas de enxeño e crítica que me fixeron botar unhas boas gargalladas. Mais se con algo fiquei gratamente esperanzada foi con atopar unha clase de primaria na que moitos nenos se disfrazaran de animadoras coas súas perrucas e purpurina. Porque o Antroido é tamén poñerse, dende a diversión e o colectivo, na pel doutras persoas. E, nos tempos que corren, non hai máis subversivo ca este exercicio.

Comentarios