Opinión

Recoñecer o dano

Rematamos un ano e comezamos outro cunha vaga de terrorismo machista que non cesa. Novamente as reaccións de levar as mans a cabeza, a falla de reflexión en profundidade. A violencia de xénero comeza moito antes do asasinato. E comeza por ti. E cando digo "ti", é curioso que ningún home se recoñece. Se as vítimas son moitas, tamén o deben ser por forza os agresores. Estes fican fóra da imaxe, fóra do discurso.

Un dos problemas meirandes que temos coa violencia de xénero é que rara vez quen a perpetúa se dá por aludidO. Polo xeral, os homes que agriden mulleres rara vez se senten interpelados porque foron socializados para creren que o que fan é o "normal" e está "ben". Nun caso que me toca moi de preto, un home que acosou sexualmente unha muller migrante, traballadora do fogar interna, é incapaz de admitir que si, que fixo tal. É incapaz de poñerse por un segundo na pel desoutra persoa e entender que o desequilibrio e o dano provocado non se pode reparar máis que dende a reflexión sobre a conduta propia. Que facer comentarios de índole sexual a unha traballadora que depende dos teus cartos para a súa precaria supervivencia non é algo trivial, menor e moito menos "unha broma". Ese afán por manter a suposta respectabilidade é o que agocha os abusos, as agresións e as violacións. Ningún home quere ser ese home. Mais unha gran maioría É.

E se negar os feitos non chega, sabendo que a sociedade de partida está sempre do lado deles, con cero empatía polas vítimas, entón pasan ao ataque directo con ferramentas legais e discursivas poderosas, ridiculizándonos seguido no público e no privado. Crean discursos estúpidos como o da "cultura da cancelación" cando as mulleres comezamos a falar e a actuar colectivamente. Aquí a única cancelada é a voz das vítimas.

Así que, señores das novas e das vellas masculinidades, é hora de deixar de laiarse de tantísimas cousas para comezar a analizar e recoñecer o que cada un facedes para construír un mundo desigual. E non como fachada, aparencia ou cousa da que chufar nas redes, que diso hai moito e moi lamentable ultimamente, senón para entender que cando dicimos que o persoal é político ao que nos referimos non é a falar da vida privada no público senón tamén a levar os supostos compromisos públicos ao privado e deixar de convertelo nunha caixa de couza na que pretendedes que vivamos as mulleres. Caladiñas e, ao cabo dese discurso, cadáveres.

Comentarios