Opinión

Quen a teña, que a comparta

Despois dun verán cheo, coma sempre, dalgunhas persoas ridículas a facer ruído porque veñen a Galicia e está todo en galego (quen nos dera!) volvemos con setembro aos ritmos do outono. É o momento tamén de desexarlles ás pequenas e maiores unha feliz volta ás aulas, ese espazo de convivencia por excelencia, permanentemente atacado por parte dos responsables políticos.

Como quen fixo o seu libro de exercicios de verán, é tempo tamén de volver a vista atrás sobre estes meses, nos que moitas non temos vacacións nin nos preocupa o tempo que fai excepto para que non haxa incendios e tirar algunha lección, mesmo das persoas ridículas que se queixan do galego. Porque fronte a elas tamén atopamos outras, as que viven connosco e traballan na hostalería ou cos nosos maiores e seres queridos nas casas, que se esforzan en falar a nosa lingua mesmo con coidada corrección.

Contrastan con aquelas que, sendo de aquí teñen nulo interese en falar, en aprender e sobre todo en superar os seus prexuízos. No noso traballo de furar a terra, cada oportunidade que temos de compartir a lingua é importante. Eu sigo nutríndome cada día das miñas raíces, escoitando como o meu tío me explica que hai lugares da contorna que se chaman “castelo” con e pechado e outros con e aberto.

Penso tamén nunha amiga que escribiu a un hotel de Compostela para preguntar se se podía ir ao almorzo sen hospedarse e en quen respondeu, en “galego”, falando da hora do xantar. A miña amiga tomou o tempo de explicar que o almorzo é “a primeira comida do día” e a conversa continuou. Sen repugnancias e con afecto. 

Porque o galego, abofé, non é só un conxunto de fonemas e palabras: son tamén coñecementos e vivencias, formas de vida que algunhas temos a sorte de levar connosco, que nos axudan a entender o mundo que nos rodea e a fabricalo cun coñecemento apegado á terra e ás comunidades das que formamos parte. É unha expresión sempre colectiva.

Por iso agora que comeza o curso e que por desgraza moitas crianzas xa só terán contacto habitual e escaso coa lingua nas aulas, cómpre pensar tamén en poñer non só a gramática e a morfoloxía, senón o corpo vivido. As neofalantes precisan tamén esa raíz. E só poden obtela se todas as persoas galegofalantes a compartimos e deixamos de falarlles en castelán ás crianzas e a todo o mundo. É, se cadra, o maior contributo que temos para o mundo así que: quen a teña, que a comparta.

Comentarios