martes 26/01/21

Que tal che vai?

É esta unha pregunta honesta que fago cunha fonda curiosidade por saber se, a esa xente que o domingo votará por Núñez Feijóo ou quedará na casa, a vida lle vai mellor que antes da súa chegada ao Goberno. No meu caso e o de moita xente, a resposta é non, cun deterioro masivo das miñas condicións de vida en moitos sentidos.

Hai máis de vinte anos que son autónoma: dedícome á interpretación de conferencias principalmente. O proceso de destrución do mercado nos últimos anos foi brutal. O noso traballo é indicativo de moitas cousas, dado que depende de que en Galicia haxa un tecido industrial, cultural e social potente, con entidades con capacidade para organizar congresos e encontros. Cada día véxome máis traballando en lugares remotos (e sorte que teño!) antes que en Lugo, Santiago ou a miña cidade de Vigo. As condicións de traballo empeoraron, por moito que dende colectivos coma a AGPTI e a nivel individual fixésemos esforzos enormes para que isto non fose así. Xa non vou falar da situación do galego e da caída radical do traballo nesta combinación lingüística. Por moito bombo que o goberno de Feijóo dese ao sector MICE, a realidade das condicións de traballo nel son ben outras.

Como cidadá observo con preocupación a situación do ensino e comprobo que cando teño que ir ao meu médico de cabeceira podo ter que agardar ata unha semana. A solución é ir por urxencias ao propio centro, é dicir, sobrecargar ao meu médico fóra do horario lóxico cando a doenza que teño non pode agardar. Engadamos a esta situación o coronavirus.

Mesmo vivindo en Vigo, con todos os privilexios urbanos posibles, neste momento non existe ningún transporte público para ir a Lugo ver a miña familia. Ampliemos a lente e vexamos ata que punto todo empeora noutros lugares, empregos, corpos. Sen mencionar en detalle xa a situación inenarrable da CRTVG, a falta de apoio á cultura, aos sectores primarios (cantas explotacións agrícolas malviven? E xente na pesca?), as compañeiras migradas, a eucaliptización... Unha minoría con poder a tirar proveito para maltrato de todas nós.

Quédannos aínda uns días moi valiosos para facer a pregunta ao noso arredor, para arrastrar a xente cara ao lado da esperanza, do cambio porque eu, non sei vós, desexo vivir nun país que tire potencial da súa xente, que respecte o medio, que teña un goberno ao que lle preocupe o mesmo ca as persoas, que as cousas nos vaian ben.

comentarios