Opinión

As que quedamos atrás

Nos case trinta anos que levo compartindo vida con mulleres e activistas doutros lugares, a morte é a miúdo compañeira. Perdemos amigas na presenza e na distancia. Nos últimos tempos deixáronnos dúas compañeiras das Filipinas a quen quería moito, Tin-Tin Guban Valladores e Maria Leodel Sorote, esta última o pasado sábado. Ademais da dor persoal, non podo evitar pensar na estreita intersección entre desigualdade e saúde. Non falo só do acceso aos medicamentos e a necesidade de desvincular a saúde do comercio, senón tamén de como saúde son tamén unha serie de condicións políticas que van dende a alimentación ao descanso.

Nesa acumulación de perdas, penso en todos os actos de xustiza que son precisos para entender que non, non todas as mortes son iguais. Algunhas deben levarnos a interrogarnos sobre por que mulleres cheas de vida, de inventiva e de solidariedade cara ás súas outras quedan no camiño. Porque non son simplemente accidentes ou xenéticas, senón sobre todo condicións de vida nas que é imposible descansar, comer ben, coidarse. Ás condicións de vida xerais, no caso tanto de Tin-Tin como no de Leodel, cómpre engadir o afán de coidar e traballar cara ás outras... a todas horas. No fogar e fóra, incansables. Tin-Tin vivía nun lugar onde as mineiras tiñan instaladas as súas bases, furando e desprazando comunidades, contaminando, e Leodel nun dos infernos de explotación sexual de menores das Filipinas. Ambas sachaban por outro mundo con alegría, valentía e moito risco. As vidas de Tin-Tin e Leodel están o máis afastadas posibles dos mantras do “wellness”; sachan precisamente en contra de tanto laio autocentrifugado e de “problemas do primeiro mundo” que tanto caracteriza as nosas sociedades. A nosa forma de vide é raíz, por certo, das súas malas condicións de vida, e polo tanto repensar empeza por cambiar consumo e discursos.

Porque se ben a morte forma parte da vida humana, cando se pensa dende a xustiza non podo evitar que me invada a carraxe cada vez que escoito dicir que “noutros lugares” a morte se acepta mellor. Isto non é certo. Simplemente, é unha realidade máis patente porque as condicións de vida son malas e leva por diante a aquelas que, ironicamente, traballan máis para transformalas. A súa perda ten que axudarnos a reflexionar sobre as condicións nas que viviron para que as que veñen poidan facelo noutras. Ese é o traballo das que quedamos atrás.

Comentarios