Opinión

Protección?

Hai moitos anos xa que as organizacións e movementos feministas poñen o foco na dificultade de atallar a violencia de xénero só dende a mensaxe de denunciar. Independentemente das dificultades que pode ter unha muller á hora de denunciar violencia (con diferentes agravantes como a orientación sexual, a identidade de xénero, a racialización ou status socioeconómico, etc.), se finalmente se decide a achegarse ás instancias policiais e xurídicas, as dificultades parecen aumentar no canto de diminuír.

Estes días todo isto quedaba dolorosamente patente co asasinato de Jessica Méndez en Barro e coa morte aparentemente accidental de Mila M. no Carballiño. Mentres unha vivía co acoso dun veciño ata o punto de ter que cambiar os seus hábitos de vida sen que ninguén fixese nada ao respecto, a segunda foi ignorada polas instancias médicas e policiais, malia o seu fráxil estado de saúde mental. Unha pode imaxinar de moitas persoas que as integran ao ver entrar no centro de saúde ou no posto da Garda Civil unha muller estranxeira, vinculada a un establecemento de prostitución e cun estado mental fráxil. Faríanlle o mesmo caso que a tantas outras mulleres que non cumpren os requisitos da "vítima perfecta", coma se padecer violencia non fose algo que produce gran desestabilización mental.

Todo isto acontecía mentres tiñamos que aturar por unha banda as lamentables declaracións da ex-comisaria Estíbaliz Palma e do (esperemos que axiña tamén ex-) presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijoo. Ambas declaracións de tremenda gravidade en xeral, máis aínda no marco destes feitos que acabo de describir. As instancias que supostamente teñen que protexer as vítimas, todas elas a cantar as ladaíñas dos agresores, a sementar un humus xa fértil de machismo e de violencia.

E agora para rematala sae o Will Smith zumbarlle ao presentador dos Óscars (que se se puxesen mulleres a facer o guión e presentar a gala ao mellor xa non pasaba nada disto) co argumento de "protexer" a súa muller e a súa familia. Outro novo masculinista co mesmo discurso e proceder machista. Porque se algo nos ensinan os feminismos é que quen di protexernos é con gran frecuencia quen antes nos agride. Así que madía leva que a nosa desconfianza sexa suprema ante as instancias e os homes que aparecen con tales discursos. A única protección fornecémola nosoutras cada día que nos erguemos contra este sistema e tentamos crear outro.

Comentarios