Opinión

Proba e erro

Nos anos 90 había un debate intenso nos feminismos da India sobre como facer fronte ao acoso sexual nos medios de transporte. A única solución gobernamental para que a unha non a tocasen enteira nos trens e buses era ofrecer asentos ou vagóns reservados para mulleres. Todo o mundo aceptaba esta situación menos as feministas, que protestabamos porque afianzaba a idea de que as mulleres eramos un ente de protección especial, coma se a responsabilidade fose nosa. Entendiamos por que as mulleres querían, nese contexto, viaxar neses vagóns, pero ademais da falsa seguridade, a medida daba pé a que se unha ía nos vagóns mixtos puidese pasarlle o que fose. A estratexia non conseguía o obxectivo de que os homes deixasen de tocar os corpos alleos. Ademais, queriamos cambiar o nome que daquelas se utilizaba para o acoso: “Eve-teasing” / “peṇkaḷaik kēliceytal” en inglés/támil (meterse con Eva) por “harrassment”/pāliyal tuṉpuṟuttal. Era tempo de deixar de quitarlle ferro a un evento que limita o movemento das mulleres, o seu acceso ao espazo público e obriga a vivir a vida con medo permanente.

Nun tempo, erradicamos o termo e atopamos cada día máis mulleres que se remexen, que se unen, que meten unha boa labazada, que denuncian na policía. Os vagóns e demais seguen aí, pero os feitos acabaron dando a razón a outras estratexias.

Lembraba isto ao fío do famoso “bolígrafo” dunha campaña de estudantado da UVigo para pedir produtos de hixiene menstrual. Que a menstruación siga sendo motivo de vergoña para as mulleres cis e de violencia para homes trans ou persoas non binarias é un feito que nos debería de preocupar profundamente. A ninguén lle dá vergoña mercar uns panos de papel, papel hixiénico ou coitelas de rasurar. Mais os produtos de hixiene menstrual xa non só teñen IVE de luxo, senón que hai que falar deles en voces baixas ou con eufemismos. Facilitar o acceso aos produtos, desfacer o estigma usando as palabras axeitadas, como viamos, é unha prioridade sempre. Agora ben, volvendo ao de antes, a cuestión é entender como. Non pasa nada por pasar pola proba e o erro e en ningún caso é admisible lapidar a quen tentou e non deu. Abonda de pseudodebates en Twitter, encerellando alumnado activo dunha escola universitaria en liortas no canto de dialogar dende a empatía e o acompañamento. Porque a xente nova pode errar a estratexia, mais, para transformar, as demais debemos saír ao encontro.

Comentarios