Opinión

O privilexio da contemplación

A semana pasada tiven a sorte de participar nos Diálogos Utópicos organizados por Feitoría Verde en Pontevedra xunto con Laura M Castro e Lucía Iglesias. Como comentei alí, para min o importante non é falar do cambio climático, senón das formas de vida explotadoras que levan a unha desfeita ambiental como a que experimentamos. Por suposto, sen perder nunca o cariz crítico de pensar que semella preocuparnos só este asunto agora que comezamos a sentilo en carne (e peto) propio.

Durante o debate falouse da necesidade de ralentizar a vida e tanto a compañeira Laura Castro coma min concordamos en non facer estas afirmacións á lixeira. Porque se ben ao capital lle interesa construírnos á maioría como consumidoras, estas só existen nos lombos daquelas que non poden parar nunca, as que traballan en empregos precarios, as que sofren violencias económicas, as que non poden atender a súa saúde porque non poden descansar e nin sequera pensar.

Lembraba isto mentres vía Matria esta fin de semana. Veume á mente mentres observaba a escena na que Ramona por fin senta en Pontevedra e contempla (moi interesante aquí o xiro de pasar a contemplación ao urbano e deixar as paisaxes bucólicas de mares revoltos para olladas alleas exotizantes). Na praza da Ferrería hai xente que, simplemente, fala, pasea. As cousas máis simples ás que ela non ten acceso, sempre a correr para poñer algo de comida na mesa, incapaz sequera de poder tomar decisións que a saquen dunha vida de violencias estruturais extremas. Porque iso, o tempo para contemplar e pensar, é un luxo para moitas. A falla perentoria de tempo dunhas polo máis básico contrasta coa falla de tempo irreflexiva e absurda doutras que sempre parece que teñen que estar a producir e consumir. Que poden deterse a pensar, mais que non o fan, non vaia ser.

Sen dúbida, a solución non pode ser a que parece formular a (por outra banda excelente) película: marchar a ser explotadas noutro lugar, sen interrogar precisamente a quen explota, sen poñer, mesmo na ficción, contra as cordas esas persoas, os seus intereses e os do capital. Porque marchar é moitas veces desarraigarse para ir a un lugar peor (mesmas condicións laborais e ningunha rede de apoio) e deixar o poder no mesmo sitio. Porque o importante é obrigar a quen ten o privilexio da contemplación a moverse para que as que sempre corren poidan gozar do máis importante: tempo.

Comentarios