Opinión

Políticas da incoherencia

En todos os anos que dediquei tempo á cooperación ao desenvolvemento, sempre houbo unha parte, a referida ás políticas públicas, que me provocaba estupor. Os departamentos (nas diversas categorías polas que foron pasando nos sucesivos gobernos autonómicos) dedicados á cooperación ao desenvolvemento defendían por unha banda unha serie de políticas públicas que contradicían inmediatamente pola outra. Lembro os esforzos para introducir máquinas de café de comercio xusto nas propias instalacións gobernamentais ou mesmo a insistencia en establecer mecanismos de control nos criterios de contratación pública. Cousas tan lóxicas atopaban todo tipo de obstáculos insuperables no camiño: cando non era un decreto era un problema de “intervención”, ese ente líquido que parecía ter o famoso anel para dominalos a todos.

Moitas veces dende a sociedade civil crítica repetimos o mantra de que, no canto de dar (cousa que dende un punto de vista dos orzamentos públicos é irrenunciable, por suposto), se cadra o máis importante era non tirar proveito da explotación allea. Con iso, unha gran parte do traballo de cooperación ao desenvolvemento estaba feito. Tan simple e tan complicado porque seguir esta máxima implicaría, a todos os niveis de goberno, dende o local ao europeo, revisar todas as políticas comerciais e de colaboración con países terceiros. 

Tanta fachada e palabra sen fondo sempre me provocou unha ira endiañada. A mesma que sinto estes días cando observo como o rexedor vigués anima a berros as masas para ir consumir a un centro comercial no que se asentan marcas e franquías de multinacionais mentres enche a cidade de papeliños que animan a “mercar no comercio local”. Ou unha cousa ou outra, señor Caballero. O comercio local non é o Primark, que se saiba. A importancia do comercio local non é só que dote de vida unha cidade, de humanidade, senón que parte da proximidade e non depende de decisións que se toman en centros afastados para deslocalizar e pechar tendas cando lle peta, deixando así xente na rúa. O comercio local só pecha cando as condicións nas que se desenvolve non son as adecuadas, cando no canto de establecer verdadeiras políticas ao seu favor os concellos se dedican a emitir licenzas e dar bombo a quen nin o precisa nin é preciso. Porque detrás das políticas incoherentes, igual que pasaba na cooperación, hai persianas baixadas e persoas deixadas á intemperie.

Comentarios