Opinión

Pobreza enerxética

As persoas que traballamos no eido da cooperación ao desenvolvemento sabemos que hai moitos xeitos de medir a pobreza. Hai tempo que o limiar de ingresos mínimo non pode tomarse como o único elemento que marca a liña dunha vida digna. A falla de seguridade, ser obxecto de violencia ou discriminación sistemática, non ter acceso a dereitos básicos son elementos que acompañan dende hai xa décadas a definición económica da pobreza. 

Por iso é tan importante non perpetuar as liñas que separan a xente “a secas” desoutra que vemos como unha especie de excepción: xente sen fogar, que vive en asentamentos provisionais, que pertence a colectivos que a sociedade discrimina sistematicamente por etnia, orixe, saúde mental ou dependencias. Esa liña é a que impide recoñecer que ningunha sociedade pode permitir que haxa persoas que non teñan cubertas as necesidades básicas. Estas son claras: comida, vivenda, hixiene, auga potable, saúde... e calor.

Realmente non sei dende cando fai falla que veña unha treboada para pensar que significa pasar un inverno en Galicia sen medidas para quecer unha casa. Ou, directamente, sen unha casa. Mesmo na cidade máis cálida de toda a nosa xeografía, en Vigo, as condicións de choiva, temperatura e xa non digamos as circunstancias da pandemia poñen diante da nosa cara a realidade de centos de persoas coas que convivimos cada día. 

Mais se a pobreza ten algo é que non resulta atractiva. Non queremos mirar, por se acaso. Porque, no fondo, sabemos que calquera de nós, dadas unhas viraxes erradas da vida que poden acontecer en calquera momento, poderiamos acabar dependendo da caridade allea, ou durmindo na rúa. Calquera persoa nunha situación de necesidade pode chegar a calquera extremo. Por iso é importante que o resto da sociedade entendamos que está na nosa man retirar todas as circunstancias posibles que levan a tantas persoas ao desamparo. Cunha renda básica que elimine a angustia do fin de mes. Cunha política enerxética que non deixe persoas á intemperie. Resulta incrible pensar que neste momento un estado como o español e un país como Galicia non usen as súas capacidades para ofrecer un subministro enerxético xusto á súa poboación máis vulnerable.

Ao final de todo isto unha conclúe que se ben podemos medir a pobreza de diferentes maneiras, a enerxía dun país só pode medirse por estar ao servizo de quen máis a necesita. O resto, portas xiratorias.

Comentarios