Opinión

De “platiní” a Semenya

Está claro que cando o meu pai me chamaba “platiní” na praia, o seu obxectivo non era facer de min unha estrela da bóla. A el tanto lle tiña como xogase, mentres xogase e o pasase ben. Sen sabelo, fronte ao resto da xente que máis tarde me inculcaría a idea de que era “un paquete” en case calquera deporte, el instaurou en min un gusto por moverme independente da aprobación allea, das marcas, das normas establecidas. Engadámoslle a isto a lucidez da miña mai de anotarme a Judo Lugo, onde durante uns anos atopei un espazo para explorar sen xuízo as cousas máis divertidas, desde facer o pino até, o que mellor se me daba, combater sobre o tatami sen renderse.
Fóra destes espazos, o meu corpo sempre foi percibido como anómalo: tiña que ser flexible, dedicarme á ximnasia rítmica ou ao balón volea (aínda hoxe non lle vexo a “feminidade”)... e o meu corpo insistía en ser “tronco” (igual ca o do meu pai), resistente e forte. Tamén miope e alta na adolescencia, co centro de gravidade desprazado, o cal marcaba parte da miña “zouponería”, pero isto tiven que descubrilo de maior.

Penso en todo isto ao fío do ditame contrario a Caster Semenya no litixio que ten aberto coa Federación Internacional de Atletismo. Semenya é rápida. Moito. Demasiado, para a federación. Tanto, que comezaron a medirlle a testosterona e decidiron que os seus niveis naturais estaban por enriba do permitido. Si, efectivamente, uns señores acaban de dicirlle a unha muller que é rápida de máis, e que a súa rapidez non vén determinada polo esforzo, o traballo e unha combinación única de características físicas. Non, é todo cousa da testosterona. Porque, ben se sabe, quen ten moita corre moi rápido (claro!). 

As implicacións desta decisión non son só brutais para Semenya (que perde o seu modo de vida e ingresos), senón para todas as mulleres e para a sociedade en xeral. As hormonas son un sistema complexo de todos os corpos humanos e se comezamos a determinar o que podemos e non podemos facer por elas entraremos rapidamente nunha distopía bioloxicista que ultimamente parece estar á orde do día. Cómpre, máis que nunca, mobilizarnos porque Semenya somos todas, porque, digan o que digan os señores, os nosos corpos só precisan da confianza e o espazo seguro para ser fortes, veloces, capaces cada unha coas habilidades que lle corresponderon. Para sermos platinís paquetes ou semenyas veloces. Pero sermos.

Comentarios