Opinión

Pesticidas

Velaí os están: os que por fin van limpar o sistema literario galego de pestes para facelo un, grande e libre. O grupo é pequeno, mais non por iso menos insistente. No sistema literario galego (“o sistemiña”), todo está mal. Os clubs de lectura: mal. Os premios: mal. A literatura infantoxuvenil: mal. Mais o meirande problema, ese que precisa de litros de glifosato contidos en insultos, desprezos e trouso xeral son as escritoras. As que destacan e sobre todo as feministas. Anatema. O peor que lle puido pasar a un sistema que ten niso a súa marca de excepcionalidade. Dende María Xosé Queizán pasando por Yolanda Castaño, Teresa Moure, servidora e recentemente, por culpa, claro está, do merecido éxito de Infamia, Ledicia Costas (o seus éxitos anteriores, ao seren de LIX, non mereceron o desprezo dos pesticidas).

Os pesticidas levan décadas traballando por fumigar coa súa misoxinia todo o que non se deixa dominar e contan mesmo con algunhas señoras moi adeptas. Eles, os amos do insulto, do mal gusto e da mala intención, do uso do privado para o público, dos comentarios persoais, malia o seu afán de protagonismo e algún recoñecemento incomprensible, esmorecen grazas ao traballo das mesmas que critican. E iso proe máis. Proe que en contra da ladaíña da “censura” coa que sempre volven (quen os censura? Algún ten columna e posto pago nun xornal!) o que atopen sexa o rexeitamento colectivo. Ultimamente seica son xa moitas as voces, entre elas as de algúns homes, que para esas mentes lúcidas obviamente teñen máis peso ca as de calquera femia inferior, as que lles afean a conduta, as que lles poñen diante o espello. E, sorpresa, cando os fumigados son eles, entón pechan comentarios nos seus espazos web.

Os pesticidas, apestados. Porque no proceso de construción do sistema literario galego, no noso sistemiña (apocorístico de afecto agora), no noso querido e poderoso sistema, cumprimos máis as que sachamos ca os que fumigan. Entre os que lles dan palmas e os que non saben en que lingua teñen as prioridades, cumprimos máis que nunca as que traballamos para que a lingua non esmoreza man a man con moitas outras, as que creamos un espazo vivo e diverso onde todas as persoas teñan acollida a maiores do home branco heterosexual que seica tanto está en perigo.

Porque ao final, queridos (coa confianza que dá que me tratedes sempre sen o máis mínimo respecto), moito fumigades cando a peste sodes vós.

Comentarios