Opinión

Perder o tempo

Ultimamente semella que nas instancias políticas, máis aínda a raíz da pandemia, comézase a falar do dereito á desconexión, ese unicornio que cómpre materializar en que a unha non lle cheguen correos de traballo na fin de semana, chamadas a deshora e a sensación constante de ter que estar dispoñible para traballar. Tamén comeza a conversa sobre, de saúde mental, que por momentos esquecemos que se basea a miúdo en cousas que non teñen nada de modernas e que son, en realidade, bastante básicas.

Na interacción das dúas cousas está o manexo do tempo propio, que é un deses elementos fundamentais que conforman a nosa tranquilidade e que interactúan co concepto colectivo da felicidade. Para empezar, cómpre interrogar quen pode desconectar e quen pode ter tempo propio, cousa que non sempre é evidente. Para as moitas persoas que viven do traballo precario, mulleres na súa maioría e non sempre nos empregos que imaxinamos, para as que teñen enriba dos ombreiros a sobrecarga do fogar e do coidado, desconectar é un luxo case que inalcanzable.

No meu caso, como autónoma que vive niso que se chama agora a "gig economy" ou economía de plataforma, dos "bolos" que dirían as artistas, desconectar é sempre un esforzo mental de tentar controlar a vertixe de perder traballo (e polo tanto os únicos ingresos que unha ten) durante uns días. É doado acabar nunha espiral sen fin de nunca deterse (á cal no meu caso se engadiu de maneira moi preeminente durante moitos anos e tamén agora o feito de que cando "paro" é a miúdo para ir traballar sen remuneración).

Se cadra por todo iso valoro cada minuto da vida que eu mesma teño que construír para non estar traballando (léase para non estar interpretando, traducindo, escribindo, preparando conferencias, atendendo cuestións da vida colectiva), para non estar pendente de correos electrónicos, chamadas nin urxencias doutras persoas. Vivimos sempre coa sensación de que a vida dura para sempre e podemos malgastar o tempo con xente que non nos interesa nada, con disputas estúpidas no Twitter (se ben aí, como en calquera espazo público é importante cortar rumores e discursos de odio, ou sexa, un traballo engadido máis)... sen decatarnos de que se cadra é máis positivo apagar os dispositivos e simplemente mirar pola fiestra ou dar un paseo se temos o luxo de podelo facer. Perder o tempo, seica lle chaman. Mais se cadra, o tempo perdido é realmente o outro.

Comentarios