domingo 17/01/21

Non

Cada vez que nos ataca unha vaga dese andazo coñecido como "elixir a palabra máis bonita do galego", ademais de reivindicar a creación do youtubeiro O Aquel-e (babeigoxousiña), adoito sacar a relucir a miña favorita: non.

Nun mundo no que as mulleres somos case sempre socializadas para ter o "si" nos beizos todo o tempo non hai nada máis complicado e liberador que aprender a dicir que non. Por iso resulta tan frustrante, unha vez completada esa primeira parte do proceso, comprobar unha e outra vez como se ignora o sinal inequívoco que emite esta linda palabra de tres letras. Tal é a situación que sigo vendo moitas mulleres deter os avances pesados dalgún home cun "teño parella" antes que ter que repetir dez veces que non e, con algo de sorte, non saír agredidas verbalmente ou peor. Aliás, é unha saída que reforza a visión de que un home só se detén para honrar outro home.

Cando dicimos que "non é non", o slogan non comeza nas agresións sexuais, senón que remata nelas. Na miña experiencia, hai demasiados homes que non entenden o final definitivo que supón un non, a afirmación (aínda que soe contraditorio) do espazo individual propio. Pensaba nisto nestas últimas semanas cando, se cadra por efectos do confinamento, recibín novas de persoas ás que nalgún momento lles marquei a liña da expulsión.

Custa moito traballo desfacerse de relacións que non nos fan ben, en moitos casos vernos xulgadas (Que heavy es! Que dura!) sen entender o proceso de autocoidado que isto implica. Custa moito traballo negociar aquelas relacións das que non podemos desprendernos (por vínculos familiares ou outros). Custa impoñer o benestar propio nunha sociedade que nos di que ante todo temos que poñer os desexos dos demais por riba dos nosos. Custa emitir un “non” que non nace do individualismo, senón do entendemento do que nos fai ben e do que non.

Por iso, despois de facer ese esforzado proceso, cando unha persoa cruza a liña e volve dar a roncha, a ira envólveme. O tempo de facer, solucionar, coidar e querer é antes do non. A partir de aí, tanto ten se entendemos ou non a decisión allea, o único camiño é respectala. Todo o demais é violencia. Porque o non debe ser palabra abonda e poderosa. Un escudo que nos manteña a salvo de quen non merece a nosa atención... Para poder dicir si unicamente a quen nos fai ben, que sen dúbida son aquelas persoas que respectan os límites que cada unha decidimos para nós.

comentarios