Opinión

Paxaros a facer niños

Asemana pasada celebramos o Día do libro e foi unha alegría comprobar que houbo bastante xente que se achegou ás librarías, que compartiu recomendacións, que falou da escrita e da lectura, que amosou que somos bandada quen rodeamos os libros en galego. Anunciouse tamén a estupenda nova do premio dos clubs de lectura da bibliotecas escolares a Eva Mejuto, ese paxaro activista que non para nunca e que leva compartido textos marabillosos con todas nós, ademais de estar o temón do Salón do libro, que tamén comeza estes días.

Nestes tempos de distancia, se cadra esa compaña é máis importante ca nunca. Porque a escrita, por moito que certos señores nos deixasen esa idea vella e patriarcal no pensar colectivo, non é un acto solitario, senón social. A escrita só ten sentido cando se constrúe coa lectura, a carón doutras persoas, inseríndose nas mentes e emocións, nos debates, na vida. Adoptando unha postura de igualdade co resto de actividades que conforman a sociedade, apoiándoas nos actos de xustiza, por exemplo en sachar contra a precariedade laboral non só das xentes do libro, senón de todo o mundo.

Para min, a semana do libro foi tamén a semana de comezar a visitar coles en remoto e mentres que nalgúns, sen ir máis lonxe no meu instituto, o Ánxel Fole de Lugo (a Piringalla) tiven a ledicia de escoitar un galego vivo no léxico, na fonética, na gramática... non podo evitar comprobar que cada vez son máis as crianzas que non son quen de dar nin UNHA frase enteira en galego. Obviamente, eses paxaros de lingua fanada son un fracaso colectivo no que hai significados responsables mais tamén a responsabilidade individual de cadaquén. Se as mestras non falan, se as familias non falan, o resto xa sabemos que non está ao noso favor. E malia todo, mirando pola fiestra o día do libro reparaba nos testos que deixo aparentemente ermos no balcón para que nazan as plantas que a natureza teña a ben.

Por veces agasállanme menta ou flores silvestres. Ese día descubrín que un paxaro viña ás herbas secas que quedaran do inverno para facer o seu niño. E pensei que escribir en galego neste panorama é moitas veces deixar unha terra nun lugar para que outras a cultiven e tiren dela o que lles sexa necesario. Coa esperanza de que pouco a pouco comprendan que só con esas pallas e esa terra temos, individual e colectivamente, a posibilidade de construír niños xustos nunha bandada grande e viva

Comentarios