Opinión

Panadeiras!

A semana pasada tiven a fortuna de formar parte do xurado que outorgou o IV Premio Begoña Caamaño á compañía teatral A Panadaría. Os premios son importantes porque marcan un recoñecemento, mais tamén hai que gabar o traballo da Deputación da Coruña por dotalo dunha boa contía económica. Non é este un aspecto menor, pois os cartos son sementes que postas nas mans correctas poden polinizar moita terra.

Porén, para que os premios non queden máis que en nomes, é importante se cadra aproveitalos para recoñecer os traballos visibles e invisibles que os feminismos realizan en toda Galicia. Creo que podemos estar ben orgullosas das innumerables iniciativas que se dan dende o activismo de base pasando polas artes, a escrita, o sindical, a medicina, a docencia, o activismo LGTBIQ+. Son moitas as mans que se poñen ao servizo dunha visión crítica do mundo para desfacer o poder que ataca as nosas vidas. É este un traballo silencioso e por iso é tan importante facelo visible e ruidoso.

Ese é, entre outros, un dos méritos das gañadoras deste ano, A Panadaría. Pois non só se fan visibles e ruidosas mediante as súas producións, Elisa e Marcela a máis coñecida delas, senón tamén en todas as súas intervencións irreverentes (lembro aquela presentación da gala dos Martín Códax cunha barba na entreperna) que combinan o hilarante co profundamente político (coma os vídeos para a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, ou a canción do verán). A Panadaría vainos dando de comer en moitos recunchos, dende os colectivos LGBTI ata a conmovedora peza que realizaron a raíz dos poemas da nosa compañeira támil Thamizhachi Tangapandiam para Implicadas no Desenvolvemento.

Máis desapercibido pasa ás veces o feminista e innovador da súa proposta estética. Pois os feminismos non só buscan revolucionar os contidos, senón as formas de contar. Elas traballan cos corpos para narrar, con escaseza de recursos, colocando as espectadoras en situación de co-crear. Con frecuencia actúan ante públicos incómodos e teñen que soportar algún berro ou insulto. Reparten pan en todos os lugares, mesmo naquel onde uns días antes uns rapaces vandalizaran un banco coa bandeira do arco da vella.

Mais isto é só o que se ve. No que non se ve están a práctica de contratar só mulleres (e romper coa inercia masculina dos postos directivos e técnicos) e de estar sempre aí, sempre amasando, nós con elas e as mans de todas no pan.

Comentarios