Opinión

Os trapos sucios

Todas escoitamos algunha vez que os trapos sucios se lavan na casa. Os feminismos interrogan dende hai moito as implicacións desta advertencia, a súa violencia. Estes días volvía a min a expresión ao pensar no xeito en que a miúdo se deconstrúen as diverxencias entre feministas, entre escritoras, entre pensadoras e en xeral entre mulleres en pelexas na lama das que xa falei nalgún momento ao fío dos dereitos das persoas trans. Ao patriarcado interésanlle moito este tropo, mais atopo estas actitudes tamén por parte dun certo feminismo.

Semella haber un pacto selado de malentendida sororidade polo cal non se debe amosar en público a disensión crítica co que din ou escriben outras. Semella que a cousa está ben cando consiste en ruxeruxes, desaires e xestos, mais non cando se fala abertamente. Os argumentos empregados van dende a acusación de romper os feminismos coas compañeiras trans e racializadas ata indicar que podemos molestar unha compañeira, que podemos dar munición aos homes que deconstrúen calquera diverxencia en pelexa. Coma se a responsabilidade fose de quen pon no espazo público unha crítica que nin denigra nin insulta e non de quen decide non escoitar ou interpretala nun marco que non é.

No meu caso, malia a miña hexemonía branca e cisxénero, ademais da de ter palabra pública recoñecida, son xa varias as veces en que se me di que non é axeitado falar de cuestións de orientación sexual porque “non viñan ao caso para o tema", coma se eu deixase de analizar o mundo, demais feministas incluídas, dende a miña posición non hexemónica neste eixo. Pertúrbame que o suxeito hexemónico do tipo que sexa se sinta sempre con dereito a determinar cando é axeitado ou non explicitar unha crítica e en que termos.

Na miña experiencia de hexemonía entendo que non son eu quen ten que indicar cando, como e onde se fai unha crítica dende o trans ou a racialidade; tamén que estas parten dunha dor que precisa ser escoitada e reparada. A min, que adoito poño o meu corpo en lugares incómodos que me obrigan a repensar quen son, non deixan de sorprenderme actitudes que entenden toda crítica como un ataque, no canto de como unha chamada a escoitar e reflexionar. Cómpre considerar ben que estruturas de opresión favorece este silencio, este tachar ás que falan de esaxeradas ou ofensivas esquecendo que, entrementres, os trapos seguen sucios e algunhas seguimos abafadas polo seu cheiro.

Comentarios