Opinión

Os ollos de entón

En canto calquera grupo oprimido reclama a revisión da historia consumida ata o momento, o poder saca de contado o cartel de neon da censura. Só así se entende confundir o “control exercido por unha autoridade sobre publicacións, espectáculos e medios de comunicación para que non se desvíen de determinadas liñas políticas, ideolóxicas ou relixiosas cos intentos de grupos oprimidos de amosar como a historia oficial se foi construíndo a base de silencios e de mordazas.

Hai uns días, os señores da hexemonía alporizábanse porque HBO retiraba do catálogo de forma preventiva Foise co vento, esa alegación a favor da escravitude que, no canto de amosar o traballo incesante do movemento abolicionista estadounidense prefire aliarse coas escravistas ricas. Pobriñas, as señoritas Escarlata que quedaban sen nada por culpa daquelas que querían tratar as persoas negras como seres humanos. O racismo cun toque romántico parece que entra mellor.

Ao fío desta noticia óense novamente os argumentos do “politicamente correcto”, de tentar “borrar a historia” e de non entender que “daquelas” o entendemento das cousas era outro, que non podemos xulgar feitos pasados polos ollos de agora. Primeiro, si podemos. E segundo, o problema principal reside en cal é a visión que se considera eses “ollos de antes”. Sen ir máis lonxe, na época na que se fixo a película, xa non digamos a época dos feitos narrados, a aceptación da escravitude non era o único punto de vista. Nos “ollos de entón” falta, pequeno detalle, o punto de vista das persoas escravizadas.

E non, como indicaba Alfredo González Ruibal estes días, non vale con comparar coa escravitude romana porque ninguén vive xa para sentirse agredida e aínda oprimida por ela. Mais a trata colonial continúa de moitos xeitos.

A decisión da HBO non é só unha maneira disruptiva de amosar que a historia é un feito construído dende o poder. É tamén un xesto de empatía cara a quen padece aínda os grillóns e un recordatorio de que cómpre mirar fóra da ollada branca. Se cadra a esa xente que pensa que o único que houbo en épocas pretéritas foi racismo, machismo, homo/lesbo/transfobia, lle era mellor investir o tempo en ler os relatos de escravas ou dos movementos de descolonización vistos dende quen os promoveron. Mais se cadra o que acontece é que, no fondo, non lles interesa a visón que se tiña “entón” de nada, senón seguir perpetuando a mesma de sempre.

Comentarios