Opinión

Os límites do coidado

Este ano o 8M xirou ao redor dos coidados, tema sobre o cal se leva moito escrito nos últimos tempos: dende as análises que nos din que as mulleres realizamos a maior parte das tarefas sen remuneración sen as cales a vida non sería posible, ata aquelas que van máis ao entendemento da carga emocional das coidadoras. Tampouco poden esquecerse os enfoques antirracistas e decoloniais que sinalan a situación precaria das mulleres migrantes que traballan atendendo a persoas maiores ou dependentes nas nosas sociedades.

Malia todo este traballo, queda moito por facer, por exemplo nas deturpacións de entender o coidado dentro dunha lóxica capitalista na que este é algo que se recibe, mesmo se esixe, pero que non se dá. Porque hai moitos homes e algunhas mulleres que semellan agardar de forma implícita que outras persoas se fagan cargo do seu benestar emocional, físico ou mesmo laboral. E as teorías do coidado non están aí para iso. Están, entre outras cousas, para analizar o colectivo e para subliñar, no individual, a importancia de coñecer e respectar os límites propios e alleos.

Escenas como a deste sábado, antes de que 50.000 persoas nos manifestásemos en Vigo o 8M, na miña peixería, seguen sendo demasiado habituais. Alá, un home novo chamaba sen cesar a súa parella muller para saber se cumpría mercar isto ou o outro. Logo pasou a inquerir a peixeira, porque os rapantes eran pequenos, se lle facían falla dous ou tres para o neno, ao que ela contestou cun obvio: “dependerá do que coma”.

Mentres que os homes que van ao súper co teléfono son heroes, as mulleres que se negan a coidar son penalizadas. Igualmente, o sistema patriarcal promove relacións de dependencia de moitas mulleres, atrapadas nos mitos mártires do patriarcado (na casa manda a muller, sen ela non somos ninguén, etc.), mentres moitos homes se viran inútiles porque é o máis cómodo. O coidado, sen enfoque crítico e de xénero, queda reducido a unha vella/nova servidume.

Non fai falla moita teoría para recoñecer o repetitivo destes exemplos e a sobrecarga que provoca para moitas mulleres non só atender a todo, senón ter que estar pendentes do teléfono non vaia ser que as crianzas queden sen comer ou a casa prenda lume. Colectivizar o coidado implica que, no individual e no colectivo, nas políticas públicas e nos fogares, ou transformamos os papeis de xénero ou xa sabemos quen son as que cargan e quen os que repousan.

Comentarios