Opinión

Os espellos

Nun momento no que Galicia é utilizada na pantalla como paisaxe, o filme Nación de Margarita Ledo atrapa como un espazo onde tomar folgos, fai agromar unha emoción intensa e descarnada. O cinema é un espello no que nos miramos e que, por desgraza, a miúdo nos devolve imaxes exotizantes e alleantes de nós mesmas. Cando non son os institutos onde ninguén fala galego, son as intrigas do "Galician noir" con asasinatos e supersticións. Rara vez, non vaia ser a cousa, o cinema sae dos tópicos.

E cando o fai, corusca. Cada película que percorre outros camiños é un agasallo para quen estamos no patio de butacas. Devólvenos a dignidade. Esa foi a sensación que tiven ao ver O que arde. Tamén agora con Nación.

Nesta última peza ábrese unha reflexión poderosa sobre quen e que contamos sobre nós mesmas. Que imaxes imos creando, que discursos se van facendo hexemónicos. E como rachar con eles. As mulle

res que aparecen en Nación (todas elas) non forman parte do discurso hexemónico nacional. Para a nosa desgraza colectiva. Os seus corpos valentes, subversivos, indómitos opóñense de fronte aos discursos patriarcais da feminidade. As súas palabras, nun galego poderoso, marcado polo lugar, devólvennos o orgullo de termos xinealoxía. A música de Mercedes Peón actúa coma un corazón que latexa en sintonía con todas elas. Os berros desesperados desprazan o lugar das loucas.

A acumulación e composición de todas estas imaxes é un espello que interroga por que. Por que non están estas historias na cerna, que acontece coa historiografía, onde quedan as mulleres? Pois mulleres, como demostra Ledo Andión, houbo sempre en todas partes. O problema é que colectivamente non miramos para elas, non as facemos referentes. E se unha nación é, como di Rita Laura Segato, un suxeito colectivo que non está definido por "un patrimonio cultural estable, de contidos fixos, senón pola autopercepción por parte dos seus membros de compartir unha historia común, que vén dun pasado e se dirixe a un futuro", entón a reflexión de Ledo Andión e as súas mulleres é máis necesaria ca nunca. E esa revisión non pode reducirse a engadir uns cantos nomes femininos aquí e acolá, senón que ten que mudar a óptica. Porque cando as poñemos no centro, cando nos poñemos no centro, a historia cambia radicalmente; e con ela cambia tamén radicalmente o futuro que queremos para nós. Esa tarefa urxente constrúese con espellos como Nación.

Comentarios