Opinión

A orquestra do Titanic

Non fai falla vivir moi conectadas ás noticias para saber que o cambio climático é real. Durante todo este tempo, tanto tivo o Cumio de Río (no 92) e todos os posteriores, o El Niño de 1997-98, as secas repetitivas en Níxer, Malí, as inundacións en Paquistán, o fracaso permanente das colleitas en innumerables países do mundo. Aquí seguimos mercando coches, móbiles, poñendo a calefacción a 25 graos, cambiando de roupa cada "tempada" con obxectos baratos feitos con explotación de man de obra e gran produción de residuos (si, falo de Zara & Co), comendo froita importada de Costa Rica e en xeral tapando as orellas. E non falo dos gobernos, que teñen unha función evidente neste fracaso humanitario masivo, senón das persoas individuais.

Non fai falla ser científica para saber que as solucións a esta desfeita tamén están claras. O que non son é fáciles. Máis que nada porque, quitando os intentos patéticos de moitas empresas de facer "lavado verde" coas súas liñas de produto "reciclable" ou "eco", a solución pasa por unha transformación das formas de vida occidentais. Do consumo, para dicilo noutras palabras. As solucións están tan claras que ata aburre repetilas. Que se usar o transporte público (tarefa case imposible cando se permiten monopolios do autobús, cando non se desenvolven as liñas férreas acce- e asequibles), que se consumir produtos de proximidade, que se promover o comercio local, que se reparar as cousas que se estragan no canto de tiralas, que se usar a roupa ata o final da súa vida (e logo facer dela farrapos para limpar, non mandala a non se sabe onde). Reduce, reusa, recicla. Por esa orde. Xa digo, non é o descubrimento dun novo planeta nin tampouco unha convocatoria para volver ás cavernas. Mais si unha chamada radical a repensar os actos do día a día.

En todo ese contexto, faremos cousas mellor ou peor; cadaquén, habendo vontade, tentará incidir no que poida fronte a moita xente á que lle importa todo un pito. Porque o que si está claro nesta altura é o que non hai que facer: poñer miles de LEDS a alterar a vida dunha cidade enteira, humana e animal. Mais Caballero e o resto de alcaldes que aínda por riba compiten, xunto con todas as masas que os apoian neste delirio lucífero, fan coma a orquestra do Titanic, se hai que explotar o planeta, que non falte a iluminación! Pois nada, a seguir así. O do Titanic xa sabemos como rematou. Logo choramos.

Comentarios