Opinión

O valor e a fama

Chega case a fin deste curso estraño no que nos afixemos a visitar coles en remoto e onde, por fin, semella ficar claro despois de moitos anos de cacarexo dixital, que o único interactivo é o presencial.

Nesas interaccións, as crianzas seguen alimentándonos coas súas preguntas. Algunhas din máis da sociedade na que vivimos que delas mesmas. Unha que me intriga é a recorrente: “que se sente ao ser famosa”, coma se ser (aínda que dun xeito moi modesto, por fortuna) coñecida fose en si mesmo un valor. Eu sempre deconstrúo o discurso, pois a fama non é nada, mais está neste momento en todas partes: na tele, no youtube, nos realities, nas películas. Deixa de valorarse o que a persoa fai, a súa pericia nunha arte (mesmo na da retórica ou oratoria), os valores que transmite, o seu compromiso coa vida para valorar unicamente a súa imaxe, a súa visibilidade.

Será seguramente por iso tamén que dun tempo a esta parte recibo solicitudes recorrentes de adolescentes que me piden “un vídeo para un traballo de clase sobre ti”. Algunhas mesmo me indican que “fale de calquera cousa”, o cal por suposto tenta o meu lado falcatrueiro e me dá gana de disertar durante un minuto sobre combates de boxeo, ou o ciclo de vida do mexillón. Deixando a un lado a miña preguiza para o dos vídeos, novamente me asalta a pregunta de cal é o valor de que eu fale nun vídeo sobre calquera cousa? Que pode aprender a outra parte (a que solicita e tamén o resto da clase, pois ás veces son para exposicións) de algo así? Unha cousa é contestar algunhas preguntas ao redor dun libro ou da obra ou visión autorial que amosan un traballo da persoa que as formula, ou mandar un saúdo a unha biblioteca... mais substituír todo iso por unha secuencia miña... non sei cal é o sentido.

Nese contexto xeral tan de superficie, destaca aínda máis o traballo silencioso de moitas mestras e mestres, de profesorado que, como o que organiza o Premio Frei Martín Sarmiento, traballa contra eses discursos sociais transmitindo á cativada a diversión da lectura, o valor dese momento íntimo e privado, de reflexión que nos interroga, que crea logo un espazo común e compartido. Seguramente esas mestras e mestres non serán consideradas nunca famosas, mais non hai nada máis valioso ca o seu traballo. Eu, pola miña banda, tentarei seguir facendo pedagoxía en cada encontro coa rapazada para que non confundamos como sociedade a fama co valor.

Comentarios