domingo 11/04/21

O turrón

Coa chegada do aninovo hai temas que, coma o turrón, regresan unha e outra vez. Un deles, sempre parello ao de que “el gallego se impone”, é o do desgusto pola literatura galega, en particular o provocado por culpa do demoníaco profesorado de lingua e literatura galegas ao longo das décadas.

Agora, por se non chegaba coa variante tradicional de dicir que a literatura galega é unha merda comparada coa castelá, hai quen busca medirse coa portuguesa (onde, por certo, para atopar que publiquen unha narradora e máis aínda unha feminista hai que encomendarse á virxe de Fátima). Obviamente, en todas as literaturas hai cousas boas, malas e regulares, dependendo do criterio de cadaquén. A nosa, niso, non ten nada de especial.

Agora ben, defender que se odia a literatura e en consecuencia a lingua e que esta confabulación é produto das malas artes do profesorado de galego é un sinal de identidade noso. Porque a xente que le en castelán pode odiar a literatura (sen ningún apelido, non si?) pero non por iso odia a lingua na que se escribe. E moito menos odia a lingua que fala porque o profesorado sexa mellor, peor ou regular. Nin empeza a falar inglés porque a gramática do portugués lle resulte complicada.

No profesorado, igual: hai xente de todo tipo. Mais se algo teño claro é que moito do que se dedica á lingua e á literatura galega tradicionalmente o fai tamén como un traballo colectivo, porque senón puideron estudar Hispánicas, Filoloxía inglesa, francesa... e impartir clases doutras linguas con menos “problemas e responsabilidades”.

No fin, o mar de fondo é moito máis evidente do que parece. Se cadra o que acontece é que hai xente á que non lle interesa nin lle gusta a literatura galega porque nin lle interesa nin lle gusta Galicia. Estamos moi ben como lugar onde comer marisco e facer Xacobeos e dicir “riquiño” e ir á praia, pero logo o que é o traballo político de construír un lugar con complexidade e diversidade, que é ao que contribúe a literatura na nosa lingua, a que nos gusta máis e a que nos gusta menos, tanto lles ten. E aí, a cuestión xa non é responsabilidade da literatura, senón da persoa que difunde os prexuízos propios como opinións que, sinceramente, estamos xa moi fartiñas de oír porque nin teñen base real nin contribúen a nada. Nestes “debates” tan pouco orixinais que ata os alimentaba un certo Conselleiro de cultura, creo que o mellor é máis turrón e menos andrómenas.

comentarios