Opinión

O que non ten límites

En tempos onde a transfobia anda solta de máis, sorpréndeme profundamente que haxa quen fale con lixeireza da identidade de xénero como un “capricho” ou unha especie de escolla. A interacción entre o físico (e non vou dicir biolóxico porque mesmo o corpo é, en moitos aspectos, unha interpretación humana), o ambiental e o cultural é tan complexa que dubido que teñamos a capacidade para desentrañala. Por desgraza, non podemos crear ambientes en que seres humanos se críen sen referentes cisheteronormativos as 24 horas do día, por moito que pervivan vestixios doutras organizacións sociais e afectivas en diversas comunidades do mundo.

E que dicir da “bioloxía” de ser muller? Ter unha vulva ou un pene non determina quen unha é na vida, o que determina é o sistema de poder no que os corpos se insiren. Iso que chamamos o xénero social, un construto que, NON, as persoas trans NON crean, senón que problematizan. Moita xente semella esquecer que as persoas trans desenvolven a súa identidade igual ca as cis, nun contexto de caixas bastante pechadas das que son expulsadas a cotío. Mais a responsabilidade de transformar ese sistema non está en quen está nas marxes, en quen sofre as agresións máis fortes, senón en quen ten o privilexio, é dicir, nas persoas cisxénero. Por poñer un exemplo, as persoas trans non padecen máis enfermidades mentais porque si. A enfermidade mental somos todas nós que creamos unha sociedade que xulga e exclúe.

E, certo, abolir o xénero social é importante, mais quen o queira facer, que comece por ela mesma, é dicir: que cambie de nome a un neutro, que use elementos performativos de calquera xénero (vestimenta, peiteado, actividades, condutas). Por que non pasa? Porque a condición cis, a seguridade de sermos homes e mulleres, mesmo con difuminación das caixiñas, é un privilexio moi invisible que nos dá seguridade.

Sen dúbida, o coñecemento humano destas cuestións ten moitos límites, mais o que non debe telos é a sensibilidade cara á opresión e o sufrimento alleo. E moito menos o respecto ás realidades de todas as persoas que nos rodean, sobre todo aquelas que son negadas cada día. E nese debate cómpre menos teoría e máis tender a man: escoitar, sentir, ser humanas e usar o noso privilexio, cada quen o seu, para desfacer as marxes que esmagan, día tras día, as vidas das demais, tan dignas e merecedoras de respecto coma a túa e a miña. O demais, sobra.

Comentarios