Opinión

O que merezo

Seguramente nesta altura non estaba de máis revisar todas aquelas reportaxes de hai uns meses sobre o “que imos aprender do confinamento”. Supostamente iamos aprender a valorar o medio para a vida humana: lembrades os cantos dos paxaros? Os animais que aparecían no medio das cidades? A idílica morriña dos espazos abertos? Pois nada, para celebrar atopamos máscaras deitadas por todo canto recuncho hai. Aferrámonos ao plástico como táboa de salvación porque, estando a nosa vida en perigo, que importa a do resto do planeta.

Supostamente iamos aprender tamén do silencio, da solidariedade, do sacrificio das “heroínas e heroes” na sanidade. Para amosar a nosa aprendizaxe colectiva, enchemos as rúas de ruidosas terrazas, reunións, botellóns, coches... De paso que imos, unha cantidade importante de xente votou a aqueles que recortaron a sanidade e fixeron da especulación coas nosas maiores o seu grandísimo negocio. A pouca xente parece importarlle tampouco a situación que vai haber na educación á volta de agosto, porque con tal de que nos quiten as menores de diante, xa está. Xa non falemos das persoas sen fogar, que agora que se malentende que o perigo de contaxio pasou, non temos problema en volver ceibar na rúa cando o confinamento demostrou que se poden adoptar outras solucións.

Ningunha catástrofe deixa na humanidade leccións inmediatas, porque ningunha acontece no baleiro. Os comportamentos insolidarios de agora nacen dunha mentalidade non só individualista senón da cerna capitalista de pensar que se fago algo pola sociedade debo ser recompensada, que despois de ficar pechadas “merecemos” poder facer o que nos pete. Crecemos co afán de traballar para ter vacacións, mesmo, nos movementos sociais, na retórica patriarcal de “loitar” para “gañar batallas”. Mais as persoas que sachamos polos dereitos cada día sabemos que é hora de mudar o discurso porque construír unha sociedade xusta, coidar das demais cos nosos comportamentos diarios (da súa saúde, dos seus dereitos laborais, do seu benestar) non é algo para o que haxa “vacacións” nin “descansos do guerreiro”. Ata que non entendamos que a lóxica correcta é a do coidado do doméstico e da man na terra, ningunha catástrofe, nin grande nin pequena, vai conseguir que deixemos a nosa comodidade individual para pensar na das outras. Porque a vida ten que deixar de centrarse no que eu merezo e pasar a pensar no que merecen as demais.

Comentarios