Opinión

O patio común

Se algo aprendemos co paso do tempo é que, canto máis estratificados están os espazos, máis marcadas son as desigualdades sociais. É unha reflexión que nos achegan dende as arquitectas feministas que estudan como se constrúen as cidades ata as expertas en coeducación (que non consiste simplemente tampouco en poñer nun mesmo espazo a nenas e nenos, pero é o primeiro requisito).

A defensa da educación e da sanidade pública non é só importante como unha vía de accesibilidade aos dereitos básicos do coñecemento e da saúde, senón a defensa dun espazo de convivencia, dun patio común onde por unha vez experimentamos como viven outras persoas moi diferentes a nós. Calquera que fose a un hospital público saberá que alá se congregan todo tipo de persoas. Xa non digamos na escola, que ten como un dos seus fins prioritarios educar tamén a través da convivencia, darnos outras perspectivas de ser e estar, dotarnos de ferramentas para a empatía que partan do coñecemento. Calquera mestra pode dar moitas leccións da desigualdade social que para o resto fica invisible. Porque son elas as que de verdade con-viven coa diversidade.

Por iso, a educación e a sanidade privadas son unha anomalía. Crean persoas que viven fóra do mundo, que ignoran o sufrimento alleo, que tecen relatos retortos sobre as pobres, as xitanas, as migrantes que nada teñen que ver coas vidas que cada día experimentan.

Só así podemos entender o xurro noxento (purín, máis ben, por químico e artificial) que estes días presenciamos de fascistas dándolle á cazola ás oito da tarde, congregándose cando non se pode nin se debe. Porque a ausencia de convivencia ensina que o seu cu está por riba do resto das persoas. Estes días estano demostrando máis ca nunca. A indiferenza total por todas as persoas que perderon seres queridos, que están nos hospitais, con condicións de traballo nefastas, ou atendendo o alumnado en horarios infinitos dende a casa, cargando co peso do mundo sobre os seus ombreiros.

As anomalías precisan dunha erradicación de raíz que obrigue a convivir. Mesmo se os das bandeiriñas non saben, que por forza teñan que aprender. Igual que nós aprendemos a non reaccionar ás súas provocacións diarias e a sachar por un espazo común diverso e no que os dereitos -e a vida- de ningunha persoa estean en debate e moito menos en perigo. Porque sen patio común podemos falar de igualdade, mais non hai xeito de exercela.

Comentarios