Opinión

O paso dos anos

Sabemos que para as mulleres o paso dos anos non é só unha vivencia individual, senón unha experiencia social relevante. Aínda que eu non son moito de reflexións de fin de ano nin de propósitos de aninovo porque creo máis na continuidade que nos ciclos, é certo que no solsticio de inverno tendemos a parar e reflexionar.

Dende os corenta e sete anos que ocupo xa non son nin nova nin tampouco vella. É un estado de transición no que unha vai adoptando un papel de ponte entre xente de menos idade e xente maior que sempre me enriquece. Se cadra é que no meu caso sempre me gustou convivir con xentes diversas e tender a man ás mulleres sen mirar nin as súas vestimentas nin as súas engurras nin as súas características físicas. Porque as alianzas fanse dende o bo trato, a empatía e o afecto. O resto non me interesa.

As mulleres (obvia dicir que inclúo a absolutamente todas) vivimos en sociedades que promoven que non aceptemos os nosos corpos, nin novos nin vellos. E para min a revolución pasa polo contrario, por sentir que o corpo vai mudando (o meu, perimenopáusico, sen dúbida ten os seus momentos de combustión interna), mais que seguimos vivas. E iso é algo que se debe levar con humildade, mais tamén con alegría. Porque moitas non chegaron acó por enfermidades ou pola violencia patriarcal. Aos meus 47 anos tócame constatar por momentos que, coa morte da miña mai, son a Meilán máis vella e iso ten unha carga de dor poderosa, mais tamén a ledicia do herdo das que viñeron antes e das que veñen despois.

Facer anos dende ese espazo do entendemento propio, dende o privilexio de ter saúde e do herdo é unha sorte que se materializa de moitas maneiras: dende a alegría de pasar de ser a única muller na clase de boxeo a ser quen acompaña as que chegan novas ata as colaboracións con mulleres de incrible talento como as Peaky Branders na campaña que acaban de desenvolver contra a submisión química para a Deputación da Coruña. Porque o traballo con xente de idade diversa sempre dá azos para seguir adiante, porque temos xinealoxías que, contra todo prognóstico, perduran co paso dos anos.

Porque noutro momento esas que fomos nós agora son outras. Porque o legado máis importante que oxalá a vida nos permita continuar é o de seguir abrindo espazo a máis compañeiras afoutas, empáticas, feministas. Ese é non só o desexo que comparto con vós ante o aninovo, senón ante todos e cada un dos días.

Comentarios