Opinión

O ollo que nos mira

Dun xeito algo cíclico ábrense en certos foros debates sobre o xeito que algunhas producións representan "Galicia" e se a tal representación é máis ou menos "fidedigna" a unha suposta realidade galega. A miúdo, no cerello, óbviase o principal: dende onde están feitas esas producións? Que fin persegue esa representación concreta?

Hai xa un certo tempo que dende Galicia se desenvolven visións críticas sobre esa ollada que nos mira dende un centro cobizoso dos estereotipos producidos por el mesmo que, como unha profecía autocumprida, teñen o fin de non permitir que nos vexamos con (outros) ollos propios. O problema das producións que a miúdo se debaten é precisamente a reificación de tropos que son moi interesantes para o poder centralista. Así, interesa visibilizar unha Galicia "atrasada", analfabeta, sucia, "profunda", como din elxs. É curioso que as historias que interesan a quen vén de fóra non sexan as das mulleres das Encrobas, ou as dos movementos de traballadoras (ambas as dúas levadas á dignidade tanto en Nación de Margarida Ledo como no impresionante espectáculo Osmose de Mercedes Peón), a rebeldía das irmás Touza (narrada por Eva Mejuto) ou xs mártires de Sobredo. É curioso tamén que precisamente certas historias nunca se ambienten no Madrid profundo, ou na Barcelona "atrasada".

Ultimamente este debate foi reavivado por As bestas, que non vin, pero si lin Azucre, de Bibiana Candia, un horror de representación colonial elevada ao cadrado -de galeg@s e cuban@s- que pasou moito máis desapercibido e con gabanza acrítica ata o punto de se traducir ao galego, lingua na que a autora, galega, decidiu politicamente non escribir pero si deixar como pegada exótica marxinal e pardobazanesca. Mais non esquezamos que non é esta unha tendencia nova (lembro facer hai moitos anos un traballo académico no que recuperei unha afirmación de Isabel Coixet na que explicaba como escollera Galicia para unha película de época polo seu deficiente desenvolvemento), mais si é unha tendencia sobre a cal prestamos máis atención colectiva, e sobre a que cómpre prestar aínda máis. Porque precisamente se algo hai colonial é crear esa ollada alleante para que, como dicía Fanon do corpo negro, a absorba o obxecto da ollada. E tamén porque, mentres outros nos usan de escenario impiden que nós contemos as nosas historias e que estas teñan a visibilidade que merecen. Fóra, mais sobre todo aquí.

Comentarios