Opinión

O novo vello

Acabamos de pasar o 8M e semella que ultimamente non se pode falar de feminismos sen falar de masculinidades. E, si, tratar a masculinidade é importante, mais non cando se fai como exercicio totalizante e desvinculado da análise política das estruturas de xénero. Hai moitas décadas xa que as feministas debatemos o problemático deste enfoque que acaba en aberracións como as absurdas normas de paridade dalgunhas institucións, que non entende que esta é ferramenta para poñer mulleres onde non as hai, non para meter homes onde non corresponden.

De feito, se alguén quere falar de masculinidades se cadra o único que cómpre é poñer os homes en segundo plano. Porque de primeiro de androcentrismo é ignorar que os homes ocupan os espazos de prestixio, que os seus problemas e visións se erixen nos da humanidade enteira. Os teóricos e sobre todo os pensadores que toman en serio a masculinidade teñen moita conta de non ocupar os espazos que non lles corresponden, non só porque sexa relevante no simbólico, senón tamén no práctico. Igual que de repente os cartos para as mulleres e para os feminismos comezaron a desviarse cara á abstracta "igualdade", agora acaban outra vez en contratar señores para que dean obradoiros e publiquen libros sobre o que saben e sobre o que non. Para darnos leccións sobre o que é, entre outras cousas, a cuarta onda feminista. Porque se non vén un señor homExplicar parece que a cousa non quedou dita.

Observo atónita como en certos contextos sensibles como o ensino, no canto de crear un espazo seguro para as mozas e disidentes de xénero poderen falar, ao final co conto das "novas masculinidades" se reforza a idea de que o importante é o que lles pase aos mozos, o que eles senten, o que eles fan, o que eles pensan. Coma se precisasen máis espazo. A única nova masculinidade relevante é aquela que amosa aos mozos a non estar no centro, algo que precisan de forma perentoria cando vemos como reaccionan masivamente en canto saen do protagonismo do relato: na literatura, nos videoxogos, nas películas. As reaccións violentas en canto poñemos mulleres a falar ou unha superheroína non teñen máis explicación ca esa. E de aí a pensar que se ten dereito a todo o resto hai un paso moi pequeno. Porque sen un xiro político que saque os homes do centro, as novas masculinidades non son máis que as vellas con coberturas que a miúdo dan bastante vergoña allea e moitísimo tedio.

Comentarios