Opinión

O marco

A semana pasada recibín unha curiosa invitación para participar nunha reportaxe sobre a tramitación da “Lei trans” como “representante da Teoría Queer” fronte a un feminismo “máis ortodoxo”. Non tiña eu idea de que existisen esas dúas cousas e moito menos de que eu representase teoría ningunha. Se cadra a marxista ou as poscoloniais, que debullei na miña tese, pero debe ser que o asunto non vende tanto como o enfrontamento, unha pelexa de gatas, un enzoufarse na lama.

Non sei cando algo tan transcendental como os dereitos fundamentais das persoas se volveron unha algueirada tipo Sálvame. Por suposto que hai elementos interesantes de debate nas interseccións entre os feminismos e en xeral os movementos LGBTIQ+. Por exemplo, as críticas que dende os feminismos se fan á moda de plumar (pinkwashing), ao homonacionalismo descrito por Jasbin Puar, aos límites do estado que debaten Spivak e Butler (sobre como dende unha óptica feminista os estados son problemáticos pero ao tempo precisamos a súa intervención para exercer dereitos). Mesmo podemos falar da evidente tensión dun suxeito colectivo que precisa do paraugas “mulleres”, do porque da necesidade de desagregar datos por xéneros (non só dous, claro) para crear políticas públicas.

Mais ultimamente parece que o interesante é unha especie de show cada vez máis detestable no que se nos pide que participemos. Eu son a primeira que non teño problema en facer pedagoxía feminista, mais se cadra abonda xa de alimentar voces que non din nada (dende cando os homes teñen que “disfrazarse” de mulleres para violar?) por eludir un debate en profundidade sobre os privilexios propios. Está ben tamén de saír co cartel de TERF cada vez que se interroga algunha máxima ou se defende a necesidade de reformular o pensamento colectivo sobre o suxeito mulleres cunha base política e crítica.

O primeiro paso do proceso de pedagoxía feminista é establecer o marco correcto. Un no que, para empezar, teñan voz as persoas correctas. E onde os temas se enfoquen dende a óptica axeitada (ou imos volver debater se as persoas negras teñen alma?). Só así seremos quen de mover os marcos mentais que impiden a felicidade das persoas, a súa vida en liberdade segundo as súas propias categorías. E todo isto foi o que lle contei á xornalista que, polo de pronto, decidiu cambiar o enfoque da reportaxe. Porque para pelexas de gatas e remexidos na lama xa abondan outros espazos.

Comentarios