Opinión

O clima non cambia

Cada ano regresa o verán e volvemos ver o rexistro de temperaturas e os odiosos incendios. Cada vez máis, uns e outros. En Galicia seguimos -non se sabe canto tempo- tendo un clima privilexiado porque os días de abafo son poucos, por moito que aumenten. Cando escoito a xente queixarse primeiro da choiva e logo da calor non podo evitar unha fonda irritación. Primeiro, non ten moito sentido a queixa dado que o tempo que vai é algo que, no momento, non podemos alterar. A nivel micro, cómpre tamén lembrar que moita xente vive todo o ano a temperaturas extremas e que se cadra non debería de ser o desexo de "ir á praia" o que rexese as nosas e as súas vidas, senón o impacto destas temperaturas na agricultura ou noutros seres vivos. Sen ir á praia pódese vivir. Sen alimento, non.

Ademais, neste caso como en tantas outras cousas, o nivel micro non chega. A nivel macro, resulta innegable que os eventos climáticos levan acontecendo décadas. Só que non nos afectaban a nós. Agora que lles vimos as orellas ao lobo parece que a cousa empeza a tomarse como verdade. E nin así, porque as medidas de protección do medio desaparecen en canto entra en xogo o carto: a inflación, os prezos da luz.

Porque no fondo o problema é que a unha solución "ambiental" se sucede outra que produce novos consumos e explotacións. No canto de aprendermos das formas de vida que parten da biodiversidade (como as prácticas agrícolas tradicionais nas que na casa se tiña un pouco de todo, con baixo consumo de insumos, reutilización de absolutamente todo e carencia de pesticidas), seguimos poñendo parches. Se vai calor, aires acondicionados. Se hai demasiado fume de coches, coches eléctricos. E logo, claro, o "clima cambia".

Mais o que adoitamos esquecer é que o clima non cambia. Cambiámolo os seres humanos cos nosos comportamentos individuais e colectivos. Moitos deles foron desenvolvidos antes de saberse dos efectos máis a longo prazo. A maioría, xa con coñecemento de causa. E mesmo agora que sabemos que o único que pode salvar o planeta é reducir o consumo, reducir o transporte e plantar árbores, as medidas que se toman van no sentido contrario. Sen ir máis lonxe, o alcalde arboricida da cidade na que vivo, con calor ou sen calor, quere atacar outra zona verde para construír un cementón. Porque no fondo, no tema do clima como en tantas outras cousas, mentres haxa cartos polo medio, coma quen oe chover (torrentes).

Comentarios