Opinión

O afán de tender a man

En situacións como as que estamos vivindo nestes tempos, adoitamos dicir que sae o mellor e o peor do ser humano. Os medios de comunicación reforzan unha e outra vez certo tipo de discursos para fomentar unha autoimaxe (centralista, española, unificada) da “xente solidaria” e “heroínas” (cando non a idea repetida, machista e irritante da pandemia como guerra) que enlama o impulso humano de querer tender a man a quen nos rodea, de partir da nosa empatía cara a outras.

Porque cando desvinculamos a empatía dun discurso político máis complexo, con frecuencia chegamos ao resultado oposto do que pretendiamos e rematamos por deixar aínda máis nas marxes a quen xa se atopaba nelas. É agora o momento de tirar da bagaxe das que levamos tempo reflexionando sobre o que é contribuír á sociedade buscando transformala fronte aos discursos baleiros do “voluntariado”. Dende hai anos, o estado español, empezando pola Xunta de Galicia dende a entrada de Núñez Feijóo, retrocedeu cara ao que as compañeiras de América Latina denominaría unha oenegueización das estruturas. Fronte a unha maior loita contra a fraude fiscal, menor investimento militar, medidas de apoio sociais máis xustas, atención profesional a persoas en risco, reforzo do público e do coidado... a sociedade mirou cara a outro lado mentres certas ONGs de “acción social” se facían cun crecente monopolio de substitución dos servizos que debería proporcionar o estado para transformalos en obras de caridade.

A pandemia chega xusto no medio desoutra enfermidade: a pobreza e a exclusión social son cuestións sistémicas e políticas, calquera traballo de apoio a quen nos rodea pode acabar alimentando as raíces do que queremos erradicar. Está ben non deixar a ninguén atrás, mais facelo implica esixir medidas e que non se cubran postos de traballo en sectores esenciais coma o coidado con voluntariado. Estes días doamos alimentos, facemos rede para as que penden dun fío, mais se non interrogamos os mecanismos de apoio públicos permanentes, a aporofobia e o racismo como estruturas, pouco estamos facendo. Se cadra, como moito, sermos parte do problema alimentando a nosa autoimaxe de (brancas) salvadoras.

É tempo de escoitar o afán de tender a man, humano e firme nestes momentos. Mais non esquezamos que as bases que poñamos hoxe serán as estruturas do mañá. E aí cómpre, antes de tender a man, interrogar que significa o xesto.

Comentarios