Opinión

Non sexas esa persoa

Considerando que unha de cada tres mulleres no mundo, segundo as cifras oficiais, padecemos violencia ao longo da nosa vida, e que esta situación se agrava pola intersección con outros vectores como a racialización, a orientación sexual ou a identidade de xénero, é moi curioso que a dúbida siga prevalecendo ante as declaracións das vítimas. Tamén que, curiosamente, nunca a xente pareza coñecer agresores, pois cómpre protexer os homes de calquera sospeita, seica.

Mesmo cando as mulleres damos falado, unha reacción habitual de quen escoita é dicir que el/a nunca tivo malas experiencias co agresor. A tradución: poñernos do lado da vítima na nosa contorna persoal, familiar ou laboral, ten consecuencias. Poucas para outros homes; moitísimas para as mulleres porque, non esquezamos, eles seguen dominando os espazos familiares, laborais e culturais. Por iso resulta inxusto o escrutinio constante ás mulleres nese paso adiante que desencadea con frecuencia agresións colaterais, e non tanto aos homes que poden intervir neses espazos con moitas menos consecuencias. Porque ao final deses procesos seguen estando as vítimas.

E, dito isto, cómpre lembrar tamén que que unha muller sexa vítima de violencias machistas non a converte en santa. Que se unha muller mente, manca ou se comporta dunha maneira irracional e lesiva cara a outras persoas iso non a fai menos vítima, menos "crible". Eu mesma teño padecido violencia doutras mulleres en diversas circunstancias, mais esta non é estrutural, é persoal e concreta. Algunhas destas mulleres son ou foron vítimas de violencias a mans dos homes. Quitando que a inestabilidade emocional é un elemento do trauma, mesmo coas miñas malas experiencias persoais con algunhas delas, iso non invalida nunca o meu apoio a elas como vítimas. Unha cousa é protexerse no privado, e obviamente son persoas que quero o máis lonxe de min posible, e outra é pensar que por un conflito persoal, por observar manipulacións e mentiras cara a min, manipulan e mintan na súa condición de vítimas. As vítimas, insisto, non teñen que ser santas. O que teñen é que ser apoiadas. Por iso, se algunha crianza ou muller fala contigo de agresións, non sexas a persoa que a faga recuar, que dubide e que poña en dúbida a súa palabra. Téntao, polo menos, porque as consecuencias para ti serán breves, mais para ela poden cambiar o transcurso dunha vida e transformar a sociedade enteira.

Comentarios