Opinión

Nacións clarividentes

Para as persoas que pertencemos á non hexemonía, un dos problemas desta situación é que tendemos a interiorizar que o ideal é parecernos ao hexemónico. Non hai nada máis perigoso que aspirar a ser "normal", sobre todo se ollamos para esa normalidade identitaria que se nos presenta como desexable. Ao noso arredor, as "nacións" que van acompañando a palabra "estado" adoitan ser incapaces de asumir as súas sombras. Só así entendemos a falla de reflexión sobre a colonización dos estados español e portugués. Estes días lía Huaco Retrato, de Gabriela Wiener, e matinaba en como para xestionar un pasado individual ou colectivo opresor, son as non hexemónicas as que teñen a resposta.

Eu non quero que a miña nación se asemelle a eses "estados-nación" de relato hexemónico que claman que non hai que ollar criticamente o pasado. É dende esa óptica que me resulta totalmente lamentable politicamente a romantización da emigración galega e a invisibilización das nosas complicidades coloniais. Porque todo iso afecta o noso presente, a nosa autoimaxe e capacidade política.

Resulta moi complicado ser suxeito cando as imaxes que se nos ofrecen e que reproducimos son como as presentes en textos como Azucre, esa novela escrita en castelán que vexo gabar por todas partes por "tan bonita" e que equipara galegos con escravos para aldraxe das persoas que foron realmente roubadas, traficadas e constituídas en propiedade; escrita para o goce dos estereotipos de galegos submisos, pobres, porcos, animalizados e carentes de dignidade. Cachos de carne e sen lingua propia. O peor é que moita xente en Galicia só (se re)coñece no espello desas imaxes e aí temos un serio problema.

Eu sigo clamando por unha nación que sexa como o que nos ensina Wiener, ou o que nos ensina Susana Sánchez Aríns no Seique: o pasado pode ser atroz, mais cómpre non esquecer a dignidade e moito menos quen son as vítimas a un nivel máis global. Cúmprenos unha nación que analice e deconstrúa, como fai Busto Miramontes, esa ollada alleante mais non para clamar "coitadxs" (palabra que en Azucre designa en galego exotizante aos galegos que foron explotados en Cuba) senón para axudarnos a identificar como nos diriximos nós ás outras (as galegas racializadas, os pobos do sur). Eu quero unha nación afastada das hexemónicas, capaz de comprender que a aldraxe que outrxs nos fan non debe facernos cegas ás nosas, senón clarividentes.

Comentarios