domingo 17/01/21

Multas

Hai uns días facíase pública a nova de que a alcaldesa de París terá que pagar unha multa por contratar “mulleres de máis”. Segundo a lei “de paridade” francesa, esta dirixente municipal non ten liberdade para compensar en sentido positivo a débeda que todas as institucións públicas teñen con respecto ás mulleres.

Todas as medidas de paridade e acción positiva deben ser consideradas dende o fin último de introducir aquelas excluídas onde non estaban, non ao revés. Polo tanto, non consisten en poñer o mesmo número de homes e de mulleres nun sitio, senón en garantir que as mulleres/certos grupos estamos presentes en todos os espazos porque hai estruturas sistémicas que nos exclúen.

Antes da alcaldesa de París vivín con certa estupefacción que a Universidade de Vigo fixese obrigatorio ter homes nos tribunais de tese, independentemente de se procede ou non a súa presenza. Abonda con mirar os cadros de docencia das carreiras de humanidades, onde a maioría de alumnado e profesorado precario son mulleres, mais non así os postos de cátedra ou de maior remuneración e prestixio, para entender por que é importante a presenza das mulleres nos tribunais. Xa non digo nada das disciplinas das ciencias puras. No caso da defensa de teses realizadas dende os feminismos, a presenza obrigatoria dos homes resulta en moitos casos un elemento disruptor nun acto cargado de poder académico. Se un dos problemas da academia seguen sendo as súas referencias patriarcais e brancas, os seus métodos xerárquicos e a súa delimitación de materias, obrigar a contar con homes nos tribunais de teses feministas é obrigar a convivir cunha oposición de partida ao tema, pois son ben poucos aínda (eu aí tiven sorte) os académicos que dirixen os seus estudos dende estas premisas (e menos aínda os que o fan fóra do afán decorativo e cun enfoque autocrítico serio).

Unha defensa de tese é un exercicio de contraposición de pensamento, mais dentro do mesmo espazo teórico e emocional. Cando temos que empezar argumentando dende a base cousas superadas, cando se nos pide que mencionemos autores, que nos centremos nos homes (por exemplo en teses sobre literatura escrita por mulleres) as únicas que pagamos a multa somos nosoutras por unha norma subtraída dos principios e movementos que a sustentaron. É hora de garantir que as leis cumpren o seu obxectivo e deixar as multas para quen produce a desigualdade, non para quen a padece.

comentarios