Opinión

As mulleres de Pandiam Theru

Hai moito tempo que observo con desazo as actividades de moitas ONGs de cooperación que, malia os traballos e reflexións, seguen collendo camiños que non saen da caridade, da superioridade moral e do discurso colonial clásico. Arrepíame ver como se presentan as nosas Outras na súa publicidade, a utilización obscena da infancia, do sufrimento e dos estereotipos. A guerra na Ucraína deixou claro o contraste comunicativo cando as afectadas son brancas e europeas.

Alá polo 1998, esta foi unha das razóns que me levou a fundar Implicadas no Desenvolvemento, organización na que traballei a reo durante case dúas décadas. Foi nese ano cando por primeira vez pisei os suburbios de Tiruchy co meu compañeiro Ambalavanan para poñer en marcha un programa coas mulleres. Queriamos falar con elas, entender en que situación estaban e que querían e, con elas tamén, organizar o traballo. A miña función a partir de entón foi apoialas á hora de avaliar o conseguido, o pendente, as estratexias. Un traballo que sigo facendo a día de hoxe.

Despois do longo hiato pandémico, por fin puiden regresar a Tiruchy. Hai moito tempo que deixamos de actuar naqueles primeiros suburbios, en 2003, mais de cando en vez cómpre un reencontro. Foi así que acabei en Pandiam Theru, unha rúa de choupanas na que agora atopo casas de dúas plantas, mulleres que seguen reuníndose, apoiándose e organizadas, máis de vinte anos despois. Algunhas das mulleres que conforman o grupo agora acababan de nacer cando este comezou. Todas elas saben de onde veñen, eu tamén. Sei do esforzo realizado, do mérito compartido de todas elas. Das súas melloras no económico, mais sobre todo noutros aspectos da vida (as mozas que van á universidade, os traballos repartidos na casa, o apoio constante das iguais, a capacidade de ir reclamar aos estamentos gobernamentais o que cumpra, xuntas). Cambiar o mundo non é doado, mais é factible e moito máis cotián do que semella.

A vitalidade, esforzo e entusiasmo das mulleres de Pandiam Theru contrasta moito cun clima que percibo na nosa sociedade de desinterese cada vez meirande ante cuestións de xustiza sistémica planetaria. Se tal, fálase algo do cambio climático (porque nos afecta), esquecendo unha ollada crítica máis planetaria e de xénero. A miúdo, a reflexión fica na teoría. Na práctica, aínda temos moito que aprender da constancia e determinación das mulleres de Pandiam Theru.

Comentarios