Opinión

Mobilización pública

Esta semana pasada non se emitiu o Luar. Ignoro cantas seareiras dese espazo tan emblemático como cuestionable da Televisión de Galicia serían conscientes do porqué. A falla de información sobre a folga amosaba os motivos desta: as manipulacións, as represalias, o clima de aparato de propaganda que debe ser o antagónico dun medio de comunicación público.

O maltrato ao que é sometido o persoal da CRTVG é algo manifesto, non en van levan centos de venres negros sen que a dirección acceda a reconsiderar a súa postura, obrigando a profesionais de notable carreira e excelencia a verse relegadas a tarefas dende as cales as súas voces queden neutralizadas.
Noutro sector aparentemente ben diferente, o do transporte, presenciamos as folgas das traballadoras e traballadores do Vitrasa, a concesionaria dos buses urbanos de Vigo, que reclaman un convenio colectivo. Tamén na Renfe ten habido paros en época recente e os camiños de ferro europeos non deixan de convocar folgas.

Cómpre lembrar que nunca o obxectivo dunha folga é "incomodar" a xente de a pé, senón visibilizar condicións laborais atroces (o caso da CRTVG xa carga con varias sentenzas a favor de traballadoras e traballadores) e conseguir que quen non traballamos neses lugares nos sensibilicemos sobre o que acontece e fagamos presión. Cando un colectivo chega a unha folga é porque se esgotaron todas as demais vías, e a folga sempre ten un custo para quen a secunda. Aínda que calquera mobilización para conseguir condicións de traballo dignas é importante en si mesma, nestes dous casos o apoio público é aínda máis vital, pois os colectivos non só se manifestan por eles mesmos, senón pola cidadanía en xeral.

No caso da CRTVG, rematar o réxime imposto vai en beneficio da pluralidade de información e da dignificación da lingua, que é algo fundamental para o exercicio libre da cidadanía. No canto de ter un Telexornal que inventa onde non chega, que dá minutos a quen interesa ao PP ou de contar con programas de radio que banalizan a violencia de xénero fronte á posibilidade de espazos plurais, de calidade e de cultura diversa, temos un esperpento no que resulta moi difícil para calquera profesional realizar un traballo digno.

Xa que dicir do transporte, onde as condicións de traballo do persoal son o único garante da nosa seguridade. Nos dous casos, se a responsabilidade é pública, pública tamén ten que ser a mobilización.

Comentarios