Opinión

Mercar Castañas

Para a xente que, coma min, crecemos en lugares onde son habituais os soutos e onde nunca faltou no outono unha boa presada de castañas, ter que mercalas nunha tenda resúltanos como mínimo chocante. En Vigo, a xente sae desaforada a calquera terreo público ou non tan público porque, abofé, as castañas van caras. Cando vexo estes comportamentos sempre me pregunto se a xente que arrapaña ou que se nega a pagar altos prezos polas raíñas do outono coñece o traballo que implica manter un souto. Nun contexto onde a ameaza do carto rápido vía eucaliptal está á orde do día, onde non deixa de arder monte cada verán, onde nas zonas rurais cada vez queda menos xente, manter un souto e agardar as castañas todo o ano implica moitas cousas, tamén pensar máis alá da propia xeración.

Como sociedade moderna no peor sentido do termo priorizamos a produción de coches fronte a quen produce alimento, creando así unha pirámide de poder invertido da que xa estamos pagando as consecuencias. Pois se algo ficou claro durante o confinamento foi que, nun momento en que as chamadas cadeas loxísticas deixaron de funcionar, o único que garante a supervivencia da poboación é a proximidade de quen produce alimento.

Neste contexto, vivir no rural non pode ser unha especie de heroísmo, nin moito menos se pode construír no discurso como o reduto do atraso. As dificultades do rural teñen unha orixe política e só dende aí poden solucionarse. Canto máis afiancemos o discurso do atraso, máis exclusión estaremos provocando para quen o habita. Porque, efectivamente, no rural dáse o maltrato, a falta de ingresos básicos e de condicións laborais dignas, de conexión a internet e transporte, de sanidade e, en certa medida, de recursos educativos. Mais tamén o traballo comunitario, a rebeldía das mulleres, o pensar dende outras bases e poñer a vida no centro. Exactamente igual que nas cidades. Coa diferenza de que neste segundo espazo si se inviste, porque interesa aglutinar persoas para a economía, priorizar o carto por enriba da vida cun ataque constante ás potenciais vantaxes e indubidables coñecementos que calquera lugar do mundo alberga para quen o habita e para o resto do planeta.

Canta máis fenda hai entre o rural e o urbano, pero é a calidade de vida. Nós aínda temos esa posibilidade ás portas, a de tecer alianzas entre os dous espazos en toda a súa complexidade. E por iso eu seguirei mercando castañas.

Comentarios