Opinión

Menos fumes

Por fortuna (e determinación), a pesar das miñas exploracións aos cinco anos cunha cajetilla e uns mistos debaixo da misteriosa mesa camilla "fumegante", nunca collín o vicio do tabaco. E iso que a miña infancia transcorreu rodeada de fume de tabaco e cheiro a café negro, as dúas consignas que identificaban a miña mai e ao resto das miñas mestras na primaria cando se nos achegaban a explicar algo. Na miña casa, nalgunha altura, fumaba todo o mundo menos o can e máis eu. Aínda así, resistín e afortunadamente nunca tiven que facer o propósito de deixar de fumar.

Mais como sei que hai xente que si o fai (como o de ir ao ximnasio e outros propósitos "saudables" de primeiro de ano), quería animar estas persoas a perseverar. E a facelo canto antes. Pois o tabaco non só provoca cancro de pulmón, senón que a nicotina pega as arterias, intoxica os riles, ataca todos os sistemas básicos do corpo. E todo isto que xa sabemos en teoría, tamén porque o anuncian graficamente nos paquetes de tabaco, cambia moito cando o vemos, pasado o tempo, na práctica.
Cando miña mai entrou na UCI en parada cardíaca tras a operación dunha aneurisma, o médico (humano, cálido e firme) que nos comunicou que nada se podía facer por ela identificouna como "a fumadora". Ademais dunha mala predisposición xenética, creo que o tabaco foi o elemento que tivo un papel máis importante na morte prematura da miña mai. E hai que considerar que cando ela comezou a fumar non se sabía nin a metade do que agora sabemos sobre o tabaco. Deixárao había anos, con esforzo persoal e apoio. Para ela, foi xa tarde.

E como o persoal tamén é político, cando penso no tabaco non podo deixar de ver o seu contexto máis amplo: a transformación colonial e capitalista dun elemento ritual (é dicir, pouco frecuente) dos pobos coñecedores desta planta nun negocio mortífero e millonario. E, mesmo entendendo que haxa xente á que lle gusta fumar igual que a calquera nos gustan cousas que non son positivas, non podo evitar animar con urxencia a todo o mundo a que abandone o hábito. Porque hai moita vida que vivir e sobre todo unha calidade de vida moi diferente cando se elimina este elemento da ecuación das nosas vidas.

Así que, ánimo e menos fumes! Azos e compaña tamén neses procesos porque, aínda que non o pareza, o tabaco (e o alcol) son adiccións e cómpre tratar como tales. Con paciencia e constancia, ao iniciar, mediar e rematar cada ano.

Comentarios