Opinión

As máscaras do xénero

Estes días en que a adquisición de máscaras é un acto máis da vida diaria, decidín dirixirme a unha mercería onde sabía que as fabricaban. Tiñan sobre o mostrador varias caixas e a dependenta sobresaltoume ao indicar que había máscaras “de home” (con cores neutras e lixeiramente máis grandes), “de muller” (con estampados de floriñas e cores vivas, medianas) e “de neno” (de tamaño máis pequeno e con debuxiños). Acto seguido procedín a ignorar a ditadura das caixas porque, que se saiba, o tamaño das caras, con excepción das crianzas, non ten ningún tipo de determinación. Hai mulleres con caras enormes, homes, dígano ou non, aos que lles gustan as floriñas ou Mickey Mouse. Resulta dunha violencia brutal que, no canto de deixarnos levar a máscara que nos dea a gana, de inmediato nos fagan sentir incómodas se non levamos a que corresponde.

Coma se o xénero, o social, non fose na súa totalidade unha máscara que nos impide ver que persoas cis que se identifican como homes teñen peitos ou que a maioría das que se identifican como mulleres cis temos pelo na cara, nas pernas, nos brazos e nos sobrazos. O xénero é unha máscara que abafa dende que nacemos cos furados nas orellas, as cores predeterminadas, as expectativas desiguais.

Neste momento en que, en plena semana do orgullo, vemos avanzar a transfobia en señoras que se chaman “feministas”, cómpre subliñar que non son as persoas trans as que desenvolven e aplican as máscaras de xénero senón nós, as cisxénero coa nosa reificación das ideas nesgadas de que certo tipo de corpos responden a certo tipo de identidades e estas a un estoxo pechado de gustos, inclinacións e papeis. As persoas trans vense moitas veces na obriga de reproducilas para que o resto as aceptemos como son.

No canto de acusalas en debates sen sentido que só buscan afirmar privilexios, cumpría mellor pensar que se todas as persoas cis comezásemos a relaxar as determinacións de xénero habería menos violencia cara a persoas que o único que precisan é que deixemos de poñer en dúbida a súa existencia. Non hai mellor maneira que celebrar os feminismos e o orgullo que rachando caixas.

Xa que logo, sobra dicir que neste caso, na mercería, igual que cando merquei tenis “de home”, un traxe nunha tenda “de home”, ou paraugas “de home”, collín as máscaras que me petaron atendendo ao único criterio relevante: grande, mediana e pequena. Menos violencia, máis claridade.

Comentarios