Opinión

Manobras de distracción

Comezamos un ano novo nesa ficción de propósitos que ás veces nos fan esquecer que o máis importante é a continuidade. Nesa visión que tantas veces defendo do activismo coma o traballo de sachar a leira común, detectamos as manobras de distracción e enfrontamento que o patriarcado cishetero colonial e capitalista articula de xeito eficaz. Actívanse en canto aquelas que segundo as estruturas de poder deben ocupar unha discreta marx(inalidad)e avanzan un chisco. Falo das persoas trans, mais tamén das galegofalantes e, en moitos casos, de todas as mulleres. Só así podemos comprender absurdos como "el gallego se impone" ou "el borrado de las mujeres".

Entrementres, esquecemos cuestións como a violencia de xénero, que se exerce de forma sistemática dende o imaxinario patriarcal ata o asasinato de mulleres (de calquera clase, condición, orientación sexual e características corporais). Dun tempo a esta parte, mentres nos movementos feministas algunhas están máis obsesionadas coa adquisición de dereitos doutres e mentres nos movementos LGBTQ estamos máis obsesionades coas TERF que coa transfobia e sexismo dominante (porque ás veces cómpre lembrar que esas señoras non dominan o mundo, nin sequera J.K. Rowling, que nin usa o seu nome de muller para asinar libros e por algo será), os asasinatos de mulleres e persoas feminizadas seguen avanzando. O que o ideario sexista defende, esa secundariedade do "feminino" (actitudes, corpos, estéticas ou actividades que se asocian tradicionalmente a el), afecta mesmo a quen non é muller (por exemplo, mozos gais con pluma) e a quen sendo muller non os cumpre (as nosas compañeiras butch, obxecto sistemático de bullying e violencia por non se axustar ao modelo dominante). Interrogar o xeito en que se constrúen a "feminidade" e a "masculinidade" en todos os espazos é tarefa urxente. Comprender que por moitos minutos de silencio e leis que se fagan, as mulleres e demais persoas mullerizadas, que diría Lann Hörnscheidt, seguiremos sendo asasinadas por homes de maneira estrutural a menos que exploremos e deamos alternativas é tarefa urxente. Urxente e de toda a sociedade. Para iso cómpre deixar de lado manobras de distracción e buscar, como nos ensinan os feminismos interseccionais, a intersección dende a cal se poden desenvolver alianzas. Niso debemos traballar todos os movementos e persoas, incansables, no aninovo, no vello e nos que virán.

Comentarios