Opinión

Mala de arrincar(e)

Se algo fomos aprendendo co tempo, o esforzo e o activismo dos movementos feministas no traballo para erradicar a violencia de xénero é que todas as persoas somos socializadas para empatizar co discurso dos agresores. Levamos décadas explicando os mecanismos deste fenómeno, en particular nos medios con casos abondo dramáticos e coñecidos. Tamén levamos moito tempo visibilizando a violencia implícita do chamado “amor romántico”, que normaliza situacións e condutas que noutro contexto serían impensables. Por exemplo, expoñer a unha vítima dun crime calquera publicamente ao seu agresor, ou esixir que dea explicacións a toda hora.

As condutas nocivas do día a día magnifícase cando un equipo enteiro dun programa de televisión e o propio medio lle franquea as portas a un home que a todas luces exhibe comportamentos problemáticos. Para empezar, sexan cales sexan os motivos, cando unha muller (ou home) dixo NON nalgún momento dunha relación e rompeu cun home (ou muller), que voltas máis hai que dar? Deixémonos de programas de “reencontros” e atendamos a difundir outras mensaxes.

Neste contexto de traballo continuado, a única desculpa ante a exposición dunha vítima non só ao seu agresor, senón a todo o seu entorno é poñer os medios para crear un imaxinario diferente. Para iso, loxicamente, hai programas que ou desaparecen ou teñen que reformularse por completo.

Para empezar, deixando de asociar a violencia á “xente moza”. A violencia de xénero perpetúase porque está rodeada de mitos que nos impiden ver o que temos diante: que non coñece barreiras de idade, de clase, de traballo, de contexto. O único que ten en común esta violencia contra as mulleres é que existe porque transmitimos ideas que seguen socializando os homes como donos dos corpos das mulleres e menores. Non é este un debate sobre os “amoriños primeiros”.

Eu, que teño 45 anos e vivín violencia na adolescencia, son proba vivente de que isto non é nada novo. O único que é novo é que agora temos unhas ferramentas, vocabulario e estratexias para recoñecela e atallala. É ben triste que despois do esforzo que levou crealas, despois do padecemento ao que tantas tivemos que enfrontarnos no seu día sen entender nada, en procesos de curación que só propiciaron as nosas iguais, teñamos que seguir na mesma. Porque agora que temos as ferramentas, a raíz do toxo verde non debería ser mala de arrincare. Todo é cuestión de vontade.

Comentarios