Opinión

Mai(o)

Opinión

Mai(o)

Este ano deuse a curiosidade de que o día da mai caeu no primeiro de maio. Foi, tamén, o primeiro ano que non puiden chamar a miña mai, mesmo se nunca fomos de celebracións de centros comerciais, si fomos de expresar afecto cada día.

No 1º de maio, para min fica máis claro que nunca que ser mai é un traballo complexo e cheo de prexuízos (nos dous sentidos da palabra). É un labor que nos afecta a todas as mulleres, tamén ás que decidimos non reproducirnos, pois ser mai son unha morea de actos do día a día que desafían esa estampa santificada que nos afoga a todas. Sen dúbida hai mais malas, mais sobre todo hai mais que a sociedade representa como tales por non cumpriren os ditados patriarcais do sacrificio. Algunhas, invisibles por parir e outras por todo o contrario. O xustillo materno tortúranos a todas. As mais, por veces, son o único que nos fan libres.

A miña educoume para ser unha persoa independente, mais sen perder de vista o contexto. Para ela, o mundo do traballo remunerado, ese do que tradicionalmente fala o 1 de maio, era o mundo da liberdade. Mesmo se tivo que criarnos practicamente soa, enfrontándose a un mundo que lle dicía que se meu pai marchaba traballar a outro sitio, ela tiña que deixalo todo e ir detrás. Dela aprendín a determinación e o tirar pola fiestra os xuízos alleos. Ás dificultades prácticas de ter que atender dúas criaturas cun traballo na docencia que naquela altura se daba en "xornada partida" e con constantes cursos para adaptar o sistema á democracia, non facía falla engadirlle o demais.

Nese contexto, para a miña mai, criada no franquismo, a independencia económica das mulleres era irrenunciable, o traballo, un espazo de crecemento e realización persoal que transcendía o puramente económico. Para min, estas cuestións seguen sendo así e amplíanse cada día, pois traballo é tamén o non remunerado. Tamén, porque para que o traballo sexa ese tal espazo non pode ocupar a totalidade da vida, non pode facerse de xeito precario e non pode ter que combinarse coa obriga do coidado, como lle pasou a ela e á maioría das mulleres.

E se ben ser muller e ser mai obviamente non son a mesma cousa, as obrigas do coidado seguen caendo maioritariamente sobre ombreiros percibidos como femininos, o cal reduce a nosa capacidade de acceder ao traballo que dá cartos e descanso. E así será ata que o concepto e práctica do coidado sexa transferido do día da mai ao 1 de maio.

comentarios