Opinión

Linguaxes perversas

Unha das cousas que máis me interesan en calquera situación é comprobar os usos da linguaxe dos sistemas de opresión. Sabemos que unha das primeiras cousas que fixeron as hordas colonizadoras nas Américas de toda a península Ibérica foi definir novos termos perversos para designar as persoas que ían atopando, para deslocalizalas e deshumanizalas. Calquera invasión e manobra de destrución precisa da súa nova linguaxe.

Este domingo, na impresionante manifestación de SOS Sanidade Pública en Compostela, matinaba no distinto que é ser paciente, de ser usuaria ou cliente. No distinto que é ser persoal de enfermería ou médica de cabeceira de ser provedora de servizos médicos. Xa que dicir do famoso “copagamento”. Coa pandemia, mentres as e os profesionais da saúde deixaban literalmente a vida en atender unha emerxencia sen precedentes, tentóusenos convencer de que a “liberdade” era deixar de levar máscara e poder incorrer colectivamente en condutas que puñan en risco a vida das persoas máis vulnerables e de quen coida de toda a poboación.

A liberdade, moi ao contrario, penso eu que é contar cun servizo de saúde público universal, gratuíto e de calidade que comece cunhas condicións de traballo (entre as cales está a remuneración, mais non só) dignas para quen está nel. Un servizo de saúde público que deixe de perverterse coa difusión da falacia cen veces desmontada de que “o privado é máis eficiente”. Un servizo de saúde público ao servizo da liberdade das persoas para vivir, para non ter que engadir á dor dunha enfermidade a insoportable doenza de non contar con recursos para facerlle fronte.

Un servizo de saúde público que atenda todas as patoloxías e non só algunhas. Un servizo de saúde público que atenda as persoas máis vulnerables ou menos visibles con todos os medios para que reciban o mesmo trato ca aquelas que teñen cartos para construír o seu propio hospital se así o desexan, porque falamos dun dereito básico e non dun ben de consumo.

A liberdade é que os cartos que tan axiña se desembolsan para cousas irrelevantes pasen ao esencial (e non esquezamos que a sanidade é competencia da Xunta, por favor). Cunha linguaxe clara que nos inclúa a todas na súa configuración, cunha mensaxe como a que se deu o domingo de apoio da cidadanía. Porque só quen perverte a linguaxe para beneficio propio, quen representa o peor da humanidade, pode desmantelar algo tan fundamental.

Comentarios